Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 16/01/2023 | Actualizada ás 17:59
O derrube dunha estrada no municipio de Vilamartín de Valdeorras tras as fortes choivas rexistradas deixou incomunicados a uns 40 veciños de San Vicente de Leira e O Robledo.
En declaracións a Europa Press, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, explica que se estaba facendo uso desta estrada municipal como vía alternativa por parte dos veciños de San Vicente e Robledo debido a que a OU-0807, que é de titularidade da Deputación, está inoperativa debido a que "leva 30 anos sen solucionar os problemas de derrubes".
Explica que xa hai uns meses rexistrouse nesta vía que une Vilamartín con San Vicente e O Robledo unha corrente de auga con desprendementos, o que se suma a que o río desborda coa subida do caudal polas últimas choivas. "Agora estase terminando de derrubar, polo que decidimos cortar a estrada e polo en coñecemento da Deputación, que son eles os que teñen o mantemento desta estrada para que tomen cartas no asunto", apunta.
O rexedor sinala que a Deputación lle traslada que están á espera de que os técnicos determinen como van facer para "deixar aberto un paso o máis preto posible". "Como concello estamos dispostos a colaborar no que faga falta", agrega.
Así, apunta que San Vicente se divide en dous barrios: por unha banda, na Aldea hai sobre sete ou oito veciños, mentres que nos Chelos son uns 25. No Robledo, son sobre dúas ou tres persoas.
Así mesmo, relata que por esa vía tamén pasa a tubaxe de auga para os núcleos de Arcos e Valdegodos, polo que "é posible" que se poida ver afectado o suministro de auga potable.Lembra que en Valdegodos hai unha residencia cuns 250 anciáns, polo que espera que non chegue a producirse este "problema acrecentado", xa que, nese caso, habería que optar por unha captación do río Farelos.
PROBLEMA DESDE HAI ANOS
"Este problema leva aquí 30 anos encima da mesa", quéixase, desde que "unha louseira traballou sen cumprir o plan de estabilización de ladeiras", "o que provocou que se afundise a estrada no seu momento", a OU-0807. "Provocou que, ao desestabilizarse os pés da ladeira, se viñese abaixo unha parte moi importante de máis de 150 metros de estrada, que ten difícil solución se non é co recheo da vaguada, que estaba previsto por un proxecto da Deputación que son incapaces de sacar adiante", reprocha o rexedor.
Sobre este extremo, di que a Deputación apunta que "o proxecto vale máis de 13 millóns, e, sendo así, é imposible". "Nós dicimos desde o Concello que se nos pon 4 millóns na conta do municipio, solucionamos o problema, pero parece que non interesa". Non entanto, deixa claro que "non é o momento de pegarse entre administracións", senón de "solucionar o problema".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.