Retorno ao pasado

Hai unha estratexia global, deseñada e impulsada desde os grandes centros de poder e de elaboracion de argumentario ideolóxico neoliberal (FMI, BCE, etc) que promove o adelgazamento do Estado, a redución dos mecanismos de proteccion social, a desregulación laboral e a supresión do Estado de benestar. As estratexias e os elementos utilizados a tal fin son distintos segundo a situación de cada país. En España as forzas económicas atoparon o aliado perfecto no Partido Popular, ganador das eleccións xerais en 2011.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 13/12/2014

Comparte esta noticia
Desde os gobernos autonómicos, onde viña gobernando desde anos atrás, xa impulsara masivamente as privatizaciones e externalizacións de servizos, para aportar espazos de negocio a empresas afins. Pero, coa chegada ao poder no goberno de España, iniciou un febril traballo legislativo para camiñar rapidamente no sentido indicado.
 
A través de Reais Decretos Leis (RDL), furtando así o debate parlamentario, impoñen normas que desmontan o andamiaxe construído desde a Transición. En Sanidade, a través deste método que burla a democracia, aprobaron o Real Decreto Lei 16/2012, que elimina a atención sanitaria universal e recupera a figura do asegurado, exclúe da cobertura sanitaria a miles e miles de persoas, impón copagos e subtrae do financiamento público máis de catrocentos fármacos. Catro meses despues da súa toma de posesión, o goberno de Rajoy aprobou esta norma (que seguramente xa tiñan preparada antes de ocupar o poder).
 
Recordemos a cronoloxía. O PP gañou as eleccións en novembro de 2011. O goberno tomou posesión ao mes seguinte. A Reforma Laboral (RDL 3/2012), que deixa aos traballadores no desamparo, é publicada no BOE a principios de febreiro de 2012. (“¡Que se fodan! ¡Que se fodan!”, gritaba Andrea Fabra -filla do presidiario Carlos Fabra-, cando Rajoy anunciaba no Parlamento recortes nas prestaciones por desemprego). O RDL 16/2012 publicouno o goberno, eludindo o debate parlamentario, no mes de abril (con todo cinismo no propio título a lei preséntase como orientada a garantir a sustentabilidade da Sanidade pública, cando en realidade é unha bomba na liña de flotacion do sistema).
 
Teño a convicción de que este grupo que agora ocupa o poder -que durante a campaña electoral prometeu ata a saciedade non tocar a sanidade, a educacion nin as pensións- xa tiña estas leis elaboradas cando chegou á Moncloa. A Reforma Laboral, a Lomce, e esta lei que desmonta a Sanidade pública: todos estes textos xa estaban escritos cando prometían o contrario. Non foi a crise a culpable, nin a “herdanza recibida” que tanto pregoan: tiñan un plan establecido, había unha “axenda oculta”, unha estratexia de ocupación do poder para baleiralo desde dentro en beneficio dos seus aliados. E execútano sen compaixón, sen valorar o dano ocasionado, sen doerse co sufrimento de tanta xente que ve a súa vida desprotexida, sen esperanzas e sen apoio público ante o desamparo.
 
Coa escusa da crise están executando unha expropiación de dereitos básicos consolidados, logo de realizar unha auténtica fraude democrática: alcanzaron o poder prometendo xusto o contrario do que tiñan planeado impoñer. Burlaron todas as normas do xogo e o país non llo poderá perdoar, nin sequera os seus propios votantes. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.