O PP vincula ao Bloque con ETA: "Está asesorado por terroristas"

As palabras do popular Adrián Pardo provocaron o enfado dos nacionalistas, que foran antes amoestados por acusar á Monarquía de corruptos.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 07/02/2023 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

"Os galegos sabemos que o BNG máis sectario da historia e asesorado por terroristas como Pernando Barrena no Parlamento europeo non é a solución a nada". Estas palabras do deputado do PP galego Adrián Prado durante o debate dunha moción sobre vivenda no pleno da Cámara galega deste martes provocaron o enfado dos nacionalistas, que, minutos antes, fora amoestado pola Presidencia do Parlamento despois de vincular en dúas ocasións á Monarquía española coa corrupción.

A tensión elevouse por mor destas palabras do parlamentario popular que, finalmente e a pesar da reclamación verbalizada pola viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, foron mantidas no diario de sesións polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, quen dixo descoñecer se as palabras de Pardo eran "verdade ou non".

Ao ser apelado pola Presidencia a aclarar as súas acusacións, Pardo defendeu que dixo na súa intervención que o membro de EH Bildu Pernando Barrena ten "unha condena en firme por terrorismo" e exerce como "asesor" da eurodeputada do BNG Ana Miranda, quen ocupou o pasado mes de setembro o posto do propio Barrena en cumprimento do acordo da coalición electoral nas últimas europeas.

Barrena é un dos 35 membros da esquerda abertzale que no ano 2016 pactaron condenas con Fiscalía en recoñecemento da súa vinculación con ETA. "Non vou retirar algo que é certo. A señora Ana Miranda ten como asesor contratado a ese señor", engadiu Pardo, o que arrincou os aplausos do seu grupo parlamentario.

Antes, Olalla Rodil reclamara á Presidencia da Cámara que demandase ao popular unha rectificación ou que procedese a retirar esa expresión do diario de sesións, xa que consideraban que incumprían o artigo 76 do regulamento parlamentario ao atentar " contra o decoro" dun grupo parlamentario e ser "absolutamente falsas".

"Por respecto, que vostede non ten nin por min nin polo meu grupo parlamentario, pídolle que retire esas afirmacións", aseverou desde o seu escano Rodil, unha petición á que se negou Pardo, quen afirmou que non pretendía ir "contra a dignidade" do BNG.

"Os BORBÓNS SON UNS LADRÓNS"

Todo isto ocorreu minutos despois de que o propio Santalices chamase á orde a dous deputados do BNG --Noa Presas e Paulo Ríos-- que, durante as súas intervencións no debate do bloque de mocións, ligaran á Monarquía española coa corrupción.

A primeira foi a deputada no marco dun debate sobre economía acusou á familia real española de ser corrupta, o que motivou que Santalices lle pedise que retirase as palabras, reafirmadas máis tarde desde o seu escano por Presas.

"Afirmo que a monarquía española é corrupta", aseverou. Como consecuencia disto, Santalices ordenou a retirada das palabras do libro de sesións e chamou á orde á deputada nacionalista.

No seguinte debate, o encargado de defender a postura do BNG foi Paulo Ríos, que iniciou a súa intervención espetando que "os Borbóns son uns ladróns", o que volveu provocar a intervención de Santalices para retirar as palabras e chamar á orde ao deputado nacionalista. "Alguén ten que pór freo. Non pode haber caño libre", aseverou Santalices.

O presidente de Novas Xeracións, Adrián Pardo, en rolda de prensa. PPDEG - Arquivo
O presidente de Novas Xeracións, Adrián Pardo, en rolda de prensa. PPDEG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta