Un neno tivo que esperar cinco horas para ser diagnosticado de Escarlatina pola falta de pediatras en Lalín

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS alerta de que na última semana se teñen detectado, cando menos, 4 casos de Escarlatina na vila e arredores que non están podendo ser diagnosticados

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2023 | Actualizada ás 20:44

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS tivo coñecemento dunha nova situación de desatención provocada polo “maltrato sistémico e sostido que vive o sistema sanitario desta área sanitaria”, e neste caso, a Atención Primaria pediátrica. Ao longo da última semana sinalan que se teñen detectado, cando menos, 4 casos de Escarlatina na vila de Lalín e arredores que non están podendo ser diagnosticados e, consecuentemente tratados, adecuadamente. A razón pola que isto se está producindo din que é, por un lado, “a ausencia sostida de pediatras no Centro de Saúde e no PAC de Lalín, no cal nin pola tarde nin os fins de semana se dispón de medicina pediátrica” e, por outro, “a rotura de stock de tests diagnósticos, probablemente pola deficiente previsión”

CHUS, Hospital Clínico de Santiago
CHUS, Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Sergas

De feito unha testemuña sinala: O sábado 11 de febreiro acudo ao PAC de Lalín co meu neno de 8 anos que presenta sintomatoloxía compatible con Escarlatina. Chegamos alí, encontrámonos sen pediatra e con un médico de garda cuxa intervención se limita a indicarnos que tome antibiótico sen ter un diagnóstico claro por falta de auscultación e por no dispoñer de test. Pedímoslle que nos derivase a urxencias do CHUS para poder facerlle o test e unha diagnose adecuada, petición que nos é rexeitada, polo que decidimos de maneira unilateral acudir ao servizo de urxencias pediátricas do Clínico.

A chegada foi en torno ao mediodía e obtivemos os resultados ás 17h. Case cinco horas nas que os nenos infectados estiveron na sala de espera con outros nenos e nenas, co risco de coinfeccións que iso representa.

Finalmente este rapaz foi diagnosticado con estreptococo do grupo A, o causante da escarlatina. Os pais denuncian que para iso tiveron que desprazarse a 70 km da súa casa cando llo podían dicir a 15.

A Asociación de Pacientes do CHUS censura que “todas as que acoden en busca de atención urxente pediátrica na comarca do Deza, vén vulnerado sistemática e reiteradamente o seu dereito á atención sanitaria de calidade e no tempo requirido, poñendo en grave risco a saúde de toda a poboación pediátrica”. Por iso, sinalan que van a seguir denunciando o “reiterado abandono institucional sanitario ao que as e os políticos/as están sometendo á cidadanía galega”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta