Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2023 | Actualizada ás 19:14
As empresas turísticas galegas poderán solicitar ata o 31 de marzo axudas para a mellora de eficiencia enerxética. Así o lembrou nunha nota de prensa a Delegación do Goberno en Galicia, que destacou tamén que o orzamento para este fin é de 7,8 millóns de euros con cargo aos fondos do Plan de Recuperación que, neste caso, xestiona a Xunta a través de Turgalicia.
Así mesmo, detallou que son xa máis de 11.000 as empresas galegas beneficiarias deste fondo, "ben a través de axudas e subvencións, por concorrencia ou a través de financiamiento". En total, concretou, preto de 2.400 millóns de euros dos que máis da metade son xestionados directamente pola Xunta, segundo apunta a Delegación.
Neste contexto, o delegado, José Miñones, instou a "aproveitar a oportunidade única" que, asegurou, supón para o tecido empresarial galego, á vez que reclamou "cogobernanza e colaboración público-privada" para "aproveitar ata o último plan para transformar Galicia e modernizar os equipamentos turísticos con criterios de eficiencia e sustentabilidade".
Para o delegado do Goberno, estas axudas son unha mostra máis de "a aposta do Goberno por un turismo máis responsable e sustentable". "Estamos a deseñar o turismo do futuro en Galicia, para facer da nosa terra un destino sustentable, competitivo e de calidade de primeiro nivel", destacou.
PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Por outra banda, a Delegación do Goberno informou este sábado que o Plan de Recuperación financia con 835.000 euros catro proxectos innovadores en concellos da provincia de Pontevedra para "combater o despoboamento". No municipio pontevedrés das Neves, Miñones presentou o proxecto para rehabilitar e converter as casas de mestres e escolas unitarias de Taboexas nun centro de 'coliving'.
Este proxecto intervirá en cinco vivendas, actualmente en abandono, para reutilizalas e que sexan ocupadas por novos habitantes. Ademais, permitirá asentar poboación e contemplará proporcionar espazos para que estas persoas poidan desenvolver actividades económicas e sociais.
Nesta mesma liña, o delegado manifestou o convencemento do Goberno central en "o atractivo e na capacidade de transformación e actualización que ten o rural" e avanzou que este ano o Ministerio abrirá unha nova liña de axudas para proxectos piloto que poderán a disposición das entidades locais 33 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.