Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2023 | Actualizada ás 15:03
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesañana, puxo en valor a "forte posición" de Galicia no calendario de vacinas durante as XIV Xornadas de Vacinación que organiza a Asociación Española de Pediatría, celebradas en Ourense.
Comesaña fixo esta reivindicación tanto no que se refire a a comparación con datos de vacinación doutras comunidades autónomas como coas novas incorporacións de vacinas, grazas á implantación, en setembro do pasado ano, do calendario de vacinación para toda a vida; "un fito neste campo".
O conselleiro destacou que a medida "máis que ser un avance en si mesma" e agrupar o calendario infantil e de adultos que xa existía, inclúe novas vacinas. Este feito, conforme sinalou, fai que aumente a protección contra algunhas enfermidades infecciosas que se poden previr mediante a inmunización, polo que enxalzou que "Galicia se converte nunha das comunidades autónomas co calendario máis completo".
"Quero pór en valor esa posición forte de Galicia no seu calendario de vacinas e de inmunización, que se ve reflectida nos datos de vacinación do covid e en particular no plan de pediatría en nenos, cun 30% máis de cobertura que a media do resto do Estado", destacou.
Deste xeito, subliñou que as vacinas constitúen un dos instrumentos "máis eficaces e efectivos" cos que conta o sistema sanitario actual e avalou esta afirmación, no que a Galicia respecta, polos datos que se desprenden das coberturas de vacinación infantil "con cifras próximas ao 100% nas idades máis temperás e que superan o 85% nos adolescentes".
En canto ás novidades, expuxo que se inclúe por primeira vez para todos os nenos galegos a vacúa fronte ao virus do papiloma humano nos homes, a vacúa fronte ao meningococo B e, "de modo pioneiro", a antigripal para os nenos e nenas de 6 a 59 meses.
Ademais, lembrou que Galicia reforzará o calendario vacunal para toda a vida coa incorporación do anticorpo monoclonal fronte ao virus sincitial respiratorio (VRS) e a vacúa fronte ao rotavirus para as nenas e nenos; así como que que esta mesma semana incorporouse a vacinación fronte ao herpes zóster para aqueles que cumpran este ano 65 e 80 anos. Así as cousas, o conselleiro destacou "o traballo, o esforzo e a dedicación" dos profesionais que "dan prestixio" a todos os programas de vacinación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.