Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/04/2023 | Actualizada ás 11:59
Axentes da Policía Nacional desmantelaron unha organización criminal presuntamente dedicada á trata de seres humanos e á explotación sexual de mulleres nun piso de citas en Ourense. Liberaron a cinco vítimas
A operación saldouse con sete detidos, dous en Madrid e cinco en Ourense, onde se realizaron dous rexistros domiciliarios e incautáronse máis de 18.000 euros en efectivo, substancias estupefacientes, dous teléfonos móbiles e diversa documentación.
Segundo a Policía Nacional, as mulleres eran captadas en Colombia e Venezuela a través das redes sociais aproveitándose da súa situación de vulnerabilidade económica para convencelas de vir a España. A partir de aí comunicábanlles como debían actuar para non levantar sospeitas na fronteira e poder trasladarse ata Ourense, onde lles esperaba o xefe da organización, quen lles comunicaba unha débeda duns 3.000 euros e que ían exercer a prostitución nun piso de citas para pagala.
As vítimas tiñan que estar dispoñibles as 24 horas ao día dos sete días da semana, sen liberdade para saír sen ser escoltadas por un membro da organización e baixo constante vixilancia a través de cámaras de seguridade. "Non podían rexeitar ningún servizo", dos cales "recibían unha ínfima parte dos beneficios, xa que lles quitaban a maior parte para saldar a súa débeda", explicaron desde a Policía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.