Menos do 1% da programación televisiva infantil está en galego, segundo un estudo da Mesa

O informe do organismo lingüístico sinala que só a TVG, a través da súa segunda canle, garante unha mínima presenza do galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2023 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta mañá en rolda de prensa o Informe Xabarín 2023, no que analiza a presenza do galego nos contidos infantís e xuvenís ofrecidos nas canles temáticas dispoñíbeis nas principais plataformas audiovisuais. Segundo este estudo, só a programación infantil e xuvenil da TVG garante unha mínima presenza do galego na grella das principais operadoras de servizos de televisión.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, na presentación do informe
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, na presentación do informe | Fonte: A Mesa

No conxunto das operadoras analizadas (Movistar, Vodafone, R e Orange), o galego está presente un total de 2h e 25 minutos ao día, todos eles nas emisións da TVG2, un 0,83% do total de horas ofertadas. Para a Mesa, estes datos inciden na urxencia de que se execute a Iniciativa Xabarín que, tal e como indicou a dirección da CRTVG ao organismo lingüístico, comezará a partir de setembro.

En relación ás plataformas audiovisuais de ámbito estatal,  na pública RTVE Play a oferta infantil é do 0% mentres a xeral é de 0,53%, con 4 filmes en versión orixinal en galego mais que nun caso (Cuñados) non se pode ver nesta versión e noutro (A illa das mentiras) resulta imposible acceder aos diálogos na nosa lingua. No resto de plataformas, a oferta en galego é do 0%, agás en Filmin, que conta con versións lexendadas ou dobradas en 0,30% do seu catálogo xeral e 0,74% do infantil. No conxunto de plataformas estatais, a presenza do galego é do 0,18% no catálogo xeral e do 0,28% do infantil e xuvenil.

Nas plataformas internacionais é onde maior incidencia tiveron as campañas sociais desenvolvidas pola Mesa pola Normalización Lingüística. Con todo, o galego só conta con opcións dobradas ou lexendadas en Netflix e Prime video. Netflix, cun 1,89% sería a única plataforma que malia non ter obrigas cumpriría os mínimos legais respecto ao galego que si teñen as plataformas estatais. No conxunto das tres analizadas (Netflix, Prime video e HBO), o galego estaría nun 0,92% do catálogo xeral e no 1,1% do infantil.

O presidente da Mesa denunciou que a obriga de garantir oferta en galego para o público ata 12 anos é "saboteada" polas compañías públicas e privadas estatais, "coa complicidade do Goberno español". "Todas as operadoras e plataformas de servizos televisivos seguen o exemplo da canle pública RTVE", asegurou, "incumprindo a lexislación audiovisual" e "nin emiten nin dispoñen de oferta en galego, malia que segundo a Lei xeral de comunicación audiovisual tería que ser do 2,5 % da programación e do 1,5% do catálogo de TVE e dos contidos das fornecedoras de servizos audiovisuais televisivos a petición de ámbito estatal".

"O audiovisual é un sector estratéxico do punto de vista lingüístico, social, cultural e económico", recordou na presentación do informe o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira. "É fundamental para a pervivencia do idioma que, desde Galicia, o Goberno galego se implique en asegurar máis e mellores contidos audiovisuais no idioma propio", asegurou, "nomeadamente para a infancia e a mocidade, poñendo todos os medios ao seu alcance". "A infancia e a mocidade galega precisan a referencia e o espazo audiovisual para poder usar o galego", sentenciou Maceira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta