Comeza a carreira para o 28M, unha proba de lume para o futuro da Xunta

As eleccións municipais do 28 de maio comezan baixo unha forte crise política que ten a Ourense como epicentro. Rueda ve nelas un espello das Xerais e BNG e PSdeG unha oportunidade para cambiar o goberno da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 12/05/2023 | Actualizada ás 00:00

Comparte esta noticia

Con Baltar e Jácome enchendo páxinas e sendo o centro de atención en numerosas tertulias comeza unha das campañas electorais máis estranas, por non dicir diferentes, dos últimos anos en Galicia. Diferentes porque son as primeiras sen Feijóo como líder do PPdeG e estranas porque os protagonistas nin son os alcaldes, nin son os líderes das principais forzas políticas. 

Valados para a pegada de carteis electorias
Valados para a pegada de carteis electorias | Fonte: EP

Pero, a pesar diso, o que suceda o 28M vai marcar para ben ou para mal o futuro de Galicia. Un futuro que algúns queren ver en Madrid e outros en San Caetano. De feito, o presidente galego, Alfonso Rueda, pedía votar a un novo municipalismo do PP e avanzar "o que se queira dicir nas xerais", como un anticipo de que estas eleccións marcarán o resultado das Xerais e as Xerais, as galegas.

Pero para a oposición, estes comicios non se miden en clave de Madrid, senón de Galicia, e neles están en xogo o futuro do goberno do país. Por iso, Pontón arrincaba a campaña en Santiago pedindo "máis BNG" nos concellos pensando xa no futuro de Galicia. Pola súa banda, González Formoso erixía ao PSdeG na única forza que concilia "sentido común" e capacidade de "xerar ilusión".

PPdeG

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, participou na pegada de carteis de Santiago de Compostela, onde pediu o voto para o seu candidato, Borja Verea, cunha proclama: que os cidadáns apoien "o novo municipalismo" que impulsa o PPdeG, que "empeza pola capital de Galicia e chegará aos 313 municipios" galegos. Pero tamén co foco xa nas eleccións xerais.

Aínda que a 'foto' do iniciuo da campaña tívoa algunhas horas antes do arranque formal da mesma, no Pereiro de Aguiar (Ourense), onde coincidiu co líder provincial, Manuel Baltar, no medio da polémica suscitada por mor do seu exceso de velocidade, que o levou a un procedemento xudicial, Rueda elixiu Santiago, unha praza que se prevé clave, para o acto central de pegada de carteis.

Así, apelou ha expresar se nas urnas "de forma clara e contundente" porque nestas eleccións, dixo, o voto conta "dobre". "Serve para mellorar cada concello e tamén para dicir con claridade que España debe parecerse máis ao que é Galicia", manifestou.

Coa vista posta xa nas xerais nas que Alberto Núñez Feijóo xogarase entrar na Moncloa, Rueda animou aos galegos tamén a dicir "non" ao PSOE que "entrega as alcaldías ao nacionalismo" e tamén a un nacionalismo que "acaba cos concellos ao ditado de Pedro Sánchez", así como aos alcaldes que "non cumpren nin unha soa das súas promesas e fan todo o contrario ao que dixeron que farían".

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, arrincou tamén na capital galega a carreira cara ás urnas arroupando á candidata de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e cunha mensaxe que veu proclamando e que quixo deixar como obxectivo ata o 28 de maio: "Máis BNG nos concellos".

Desde a Praza do Toural da capital galega, onde se mostrou segura de que será unha das cidades onde farán "historia" conseguindo situar á "primeira" alcaldesa muller, Pontón incidiu en que "Galicia necesita máis BNG nos concellos para construír un país de futuro" e para "estender polas vilas e cidades un modelo municipal de éxito que transforma en positivo, mellora a vida das persoas e converte municipios antes decadentes en referentes dentro e fóra do país".

Á capital galega Pontón volverá cun mitin central na praza de Cervantes o 23 de maio, na recta final da quincena máis electoral dunha campaña que xa a levou a percorrer toda a xeografía galega para arroupar a boa parte dos candidatos das listas do BNG. Unha cita coas urnas a do 28M na que Pontón augurou un resultado "histórico" para o BNG, un prognóstico que sustenta en "tres grandes fortalezas: compromiso dos candidatos, corrente de simpatía cara ao BNG e o aval do traballo feito polos gobernos municipais".

PSdeG

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentón González Formoso, reivindicou ao PSdeG como a "única forza capaz de conciliar o sentido común" á fronte dos gobernos municipais coa capacidade de "xerar ilusión" ao redor da concepción de novos proxectos de futuro pensados para as persoas.

O xefe de filas do PSdeG participou xunto ao alcalde de Santiago e candidato á reelección, Xosé Sánchez Bugallo, e o ministro de Sanidade, José Miñones, na tradicional pegada de carteis que dá arranque á campaña electoral. Formoso destacou que o PSdeG acode a estas eleccións decidido a defender todo o que leva feito neste mandato coa "cabeza moi alta" á fronte dos concellos e das concellarías.

O dirixente socialista tamén se referiu a a situación de Baltar e Jácome e remarcou que o PSdeG é "un partido con sentido común fronte a outros experimentos" que ven en Ourense. "Somos o antídoto contra o desgoberno", afirmou para soster que iso xa se viu en Santiago nas dúas lexislaturas anteriores á volta de Bugallo á Alcaldía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta