Estas son algunhas das propostas dos partidos para Ourense nas eleccións do 28M

Un complexo termal, buses e parking gratis e ser capital cultural en 2031 entre as iniciativas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2023 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

A creación dun complexo termal, un bulevard ou un consorcio na materia, a gratuidade dos autobuses e do aparcadoiro, chegar a ser capital cultural no 2031 e un servizo municipal de saúde mental que complemente a asistencia do Sergas son algunhas das propostas que os principais partidos inclúen para Ourense nos seus programas para os comicios do próximo 28 de maio, nos que se coan tamén antigos proxectos como a construción dun parque acuático termal.

PSOE, PP, Democracia Ourensena, BNG e Podemos introducen medidas en termalismo nunha cidade famosa polas súas augas. Os socialistas --que foron a lista máis votada nos comicios de 2019 e que nesta ocasión contan con Francisco Rodríguez como candidato--, propoñen un bulevar termal como proxecto estratéxico que impulse o turismo e o termalismo e apostan por crear un consorcio termal, unha ferramenta que tamén inclúen os nacionalistas capitaneados por Luís Seara entre as súas propostas como base dun modelo público, gratuíto e con "mellores infraestruturas".

O aspirante do PP á Alcaldía, Manuel Cabezas, é partidario da creación dun complexo termal, para o que recupera o proxecto dun balneario na contorna do antigo cárcere; mentres que o actual rexedor e candidato de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, volve incluír entre as súas propostas a construción do parque acuático termal no Campo da Feira, para o que xa se adxudicaron as obras de demolición do antigo matadoiro.

A candidatura de Podemos, encabezada por Toño Naval, recolle entre as súas medidas para a cidade un plan Ourense Saudable que inclúe rehabilitar as termas públicas como exemplo de turismo saudable. A medida máis destacada desta iniciativa para unha cidade saudable é a posta en marcha dun servizo municipal de saúde mental complementario á asistencia no Sergas.

MOBILIDADE E AVE

Outras accións que os socialistas propoñen pasan por un plan especial de integración do tren de alta velocidade adecuado ás circunstancias da cidade, cunha "estación digna e de calidade". Neste punto, o BNG aposta pola liberación de máis de 100.000 metros cadrados da praia de vías da estación para convertelos en chan público dotacional e chan verde no barrio máis poboado da cidade.

En materia de mobilidade, Democracia Ourensá defende a gratuidade do autobús para todos os veciños, implantar un sistema de aluguer de bicis e patinetes eléctricos, así como cambiar o sistema da ORA por un de parking exprés gratuíto e a construción de ramplas, ascensores e escaleiras mecánicas en diferentes puntos da cidade. Pola súa banda, o PP avoga pola mellora das liñas de transporte urbano, con especial atención aos centros de saúde e ao campus, un plan de mobilidade urbana sustentable e a mellora das beirarrúas.

PRAZAS DE ABASTOS

Outro asunto que as formacións inclúen entre as súas propostas son as relativas aos mercados de abastos nun contexto no que os dous edificios cos que conta a cidade permanecen pechados. Así, o PSOE avoga pola apertura de ambas as prazas, o PP a súa adecuación ás necesidades dos comerciantes, mentres que Jácome aposta pola licitación da praza do barrio da Ponte para a hostalaría e defende "liberar a Alameda da ocupación dos placeiros".

CULTURA

En cultura, o Partido Socialista, entre outras cuestións, propón por dar os pasos necesarios para presentar, no ano 2025, a candidatura para que Ourense sexa declarada a Capital europea da cultura no ano 2031 baixo a lema 'Auria 2031. Cultura e Auga'; e aposta por recuperar os barrios degradados a través da arte urbana.

Pola súa banda, o PP avanza medidas como recuperar o museo municipal e a banda municipal, a construción dun auditorio ao aire libre; e Jácome aposta por "continuar programando actuacións de éxito no Autorio Municipal". Ademais, Podemos lanza propostas que pasan por crear unha casa e un museo do videoxogo, potenciar tamén espazos de arte urbana e pór en marcha un cheque cultural.

Ademais, no relacionado cos deportes, os populares apostan por construír unha nova cidade deportiva en Montealegre e un parque de aventuras no Botánico; o BNG pide máis equipamentos a través dun plan de reequilibrio territorial da cidade á hora de deseñar os servizos e as infraestruturas; así como a creación dunha cidade deportiva no barrio do Couto, unha medida que tamén contempla Jácome.

Vista das termas da Chavasqueira e o Muiño da Veiga pechadas por inundación, a 23 de novembro de 2022, en Ourense
Vista das termas da Chavasqueira e o Muiño da Veiga pechadas por inundación, a 23 de novembro de 2022, en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta