Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/05/2023 | Actualizada ás 22:00
Alcalde durante catro anos intensos. Como ves a cidade?
Santiago está vivindo unha situación bastante excecpcional cun récord absoluto en emprego e o cun paro que é o máis baixo das sete cidades e o menor dos últimos anos na cidade. É a primeira vez da nosa historia que logo dun Ano Santo en turismo veu un ano mellor. Iso nunca tiña acontecido.
Tamén pode ser que houbo pandemia e logo da pandemia, pois semella que a xente se relaxou e quere vivir máis, non?
Non o sei. Despois da pandemia veu o 22 que foi o mellor da historia, pero é que este 23 está sendo mellor que o 22. E iso nunca pasara porque logo de cada Ano Santo había un reaxuste á baixa dun 15%,
Entón non está afectando a crise económica ou a guerra en Ucraína?
Que nos está afectando é inevitable pero o certo é que estamos en récord de turismo, de estancias hoteleiras, récord de emprego e o nivel máis baixo de paro das cidades galegas. Todos os datos son consecuencia dun éxito. Este 21 de maio faranse dous anos da inauguración da Estación de Autobuses que xa nos queda pequena. Tamén estamos na construción da nova terminal do AVE que se inaugurará o ano que vén e que é posible que tamén nos quede pequena ou xusta.
E agora dirá que tamén queda pequeno o aeroporto?
Pois cando hai 12 anos o inauguramos houbo quen dixo que era unha obra faraónica e agora estamos no 85% da súa capacidade e cos meses de xullo, agosto e setembro que estivo por riba do 100%. Previsiblemente este ano estaremos por riba dos 3,5 millóns de viaxeiros e é un aeroporto construído para 4 millóns.
Falando de turismo, cres que o modelo económico da cidade ten que estar baseado no turismo porque hai moito debate sobre este tema e moitas opinóns encontradas?
Non. Eu penso que o turismo é unha parte fundamental da economía da cidade e negalo sería unha parvada porque, ademais, é un modelo turístico de éxito porque estamos conseguindo que o turismo non se circunscriba só a unha época do ano, senón que sexa todo o ano. Este mes de xaneiro foi o mellor da historia. Está sendo un modelo de éxito con algúns problemas derivados, precisamente, deste éxito. Pero ao mesmo tempo en Santiago tamén estamos facendo unha aposta importante pola industria e a loxística. Aí temos o caso do polígono da Xionlla que hai catro anos estaba deserto e agora só lle queda un 15% de capacidade. Tamén o crecemento do sector biotecnolóxico que está sendo espectacular.
Volvendo ao tema do turismo, cres que a solución é a taxa turística ou hai outras vías para procurar un turismo sustentable na cidade?
A taxa turística é unha necesidade.
A taxa turística é unha necesidade e un acto de xustiza
Pois a Xunta non acaba de vela...
É unha necesidade e un acto de xustiza. O turismo xera beneficios económicos importantes, pero tamén dificultades. Para atraer turismo o máis importante é o noso patrimonio histórico e, por iso, ese turismo debe contribuír a preservalo e tamén que este turismo facilite a vida dos residentes. Por iso, a taxa turístico vai ser unha boa contribución á cidade e ao noso patrimonio, pero tamén vai servir para que o conxunto dos cidadáns de Santiago o vexan como algo útil e positivo.
Eu, que levo vivendo nesta cidade desde a época universitaria, xa vin moitos cambios nela. Antes se podía vivir ben no centro e agora xa non se pode. Que está pasando?
Non comparto esa visión.
Pois é algo que teño comentado con máis xente e coincidimos...
Eu vivo no centro da cidade e estou encantado de vivir nel.
E cres que é habitable o centro?
Totalmente. Onde temos a maior presión turística e onde temos as maiores dificultades é na améndoa, no antigo recinto amurallado.
Si, era ao que me refería
Pois aí a presión está en que o mercado, impulsado polo turismo, fai unha presión para trasladar o residencial ao turístico e o comercio tradicional a comercio turístico. E temos que buscar unha maneira de romper esa situación. Xo dixen recentemente. No mes de marzo tivemos 180 solicitudes de cambio de uso de residencial a turístico e ningunha de turístico a residencial.
E que iso é un problema. Son 180 vivendas nas que deixa de vivir xente para que estean nelas puntualmente turistas
Se deixamos ao mercado vainos levar nunha dirección determinada. E con iso é moi difícil competir. A única forma que temos é que desde a administración pública prestemos un apoio moi potente e moi claro ao residencial. Nós defendemos o uso prioritario da cidade histórica ten que ser residencial, pero non basta con defendelo, nin con medidas limitativas do PXOM porque xerneran moita tensión, senon complementalo cunha política de apoio intenso ao uso residencial e isto require apoio técnico, revisión do planeamento para facilitar medidas demandadas por residentes como son os ascensores ou de eficiencia enerxética. E require unha política de subvención moi potente. Por iso nós dicimos que o 50% da taxa turística ten que ir ás política de rehabilitación porque tamén se perderon as axudas ao consorcio.Temos que recuperar eses 4,6 millóns que se destinaban anualmente ata 2010 e que agora se reduciron a unha cuarta parte.
Cambiando de tema, cales son os principais proxectos que tes para esta cidades nos catro vindeiros anos logo dos catro que xa levas no goberno local?
O que antes quero dicir é que Santiago cambiou moito estes últimos catro anos. O santiago de 2023 non ten nada que ver co Santiago de 2019. Naquel momento a cidade estaba parada e con compromisos de investimento escasos. Hoxe é unha cidade récord de visitantes, de emprego... É unha situación diferente e con compromisos de investimentos que superan os 300 millóns de euros. E cando comezamos este mandato apostamos por cinco obxectivos que están moi avanzados ou resoltos: aposta pola reindustrialización, a construción da Edar, o orbitaliño, a autovía a Lugo e a modernización da administración local. Son proxectos xa feitos ou a puntos de rematar.
E para estes próximos catro anos o obxectivo é darlle o último pulo a estes cinco obxectivos?
Pois isto e asumir o reto de que todo isto quedou pequeno. E aí está tamén comezar a construír o novo Santiago, que é o ensanche norte tras crecer na etapa anterior cara o sur, e logo coser toda a cidade favorecendo o transporte público.
Temos máis de 250km de sendas. Non creo que haxa ningunha outro concellos con tantas sendas peonís
Falando de transporte, ti andas moito. Está Santiago preparado xa para disfrutar de sendas verdes?
Temos máis de 250km de sendas. Non creo que haxa ningunha outro concellos con tantas sendas peonís. E agora estamos traballando para a conexión con Cerceda e que nos leva ata o nacemento do Sar e máis alá. E estamos traballando para conectala coa do Sarela. Deste xeito se pode cruzar e andar por todo Santiago e rematar en Cerceda, ademais dos montes. Imos quedar con máis de 300 sendas seonís.
E para os que tamén nos gusta a bicicleta e o monopatín vemos que hai un problema importante en santiago para a mobilidade urbana. Hai algún proxecto para mellorar isto?
Estamos niso para rematar a ciclovía que debe unir o tramo que xa existe Clara Campoamor, Hórreo, Romero Donallo e Amor Ruibar. Está aprobado e licitado. Ás veces a xente venos facendo cachos e di que non ten sentido. Pero nós o que estamos facendo é que, onde podemos, habilitar tramos de sendas para ir enlazandoas todas e no resto pois reducindo a velocidade para permitir a convivencia entre conductores e usuarios de bicis e monopatíns.
Semella que en Santiago, a diferencia doutras cidades, a concienciación dos conductores é máis complicada...
Si, pero xa se están concienciando. Certo que hai algunha polémica e problemas pero pouco a pouco os conductores estanse adaptando. Xa non sei se por convicción ou por obriga. O mesmo está a polémica cos rádares. Pero é que se non hai rádares pois a xente non reduce a velocidade.
Pechamos unha etapa de catro anos nos que tamén houbo moitos problemas no goberno municipal; un concelleiro que acaba no grupo mixto, outro dimitido por un problema de licitación dunha nave...
Son circunstacias que poden darse, aínda que nos dous casos se actou con celeridade e contundencia. Un concelleiro que forma parte do equipo de goberno ten que ser consciente de que forma parte dun equipo e respectar as normas do equipo e non pode actuar á marxe do concello. Isto pasa nun equipo de goberno e tamén nun equipo de fútbol.
O problema é que isto foi hai seis meses e hai tres. Non o viches vir antes?
E que pasaron tres anos e medio e nos últimos seis pois pasou isto. Que por certo, tamén teño que dicir que en todos os partidos houbo cambios nesta lexislatura.
En termos relativos houbo máis cambios no PP e en Compostela Aberta que no Grupo Socialista
Si, si, certo, pero sempre son máis visibles, polo que supoñen, os do equipo do goberno...
Efectivamente. Pero en termos relativos houbo máis cambios no PP e en Compostela Aberta que no Grupo Socialista.
E todo caso, non cres que houbo unha falta de confianza con estas persoas e un problema á hora de elixilas para a lista?
Ás veces cando conformas un equipo non sempre se escolle ás persoas que máis coñeces. Outras veces hai determinadas circunstancias. En todo caso, a segunda foi completamente inesperada e a primeira non o foi tanto.
Entón está máis decepcionado con algunhas persoas máis que con outras, non?
Son cousas que pasan e o importante é que, cando xorden, hai que afrontalas.
Foches alcalde nunha etapa, revalidaches, e volviches agora nunha terceira epata. Visualizas xa o fin do tua vida política como rexedor ou es do que pensas que hai que morrer no cargo?
Eu son un servidor público e é moi díficil que nunha persoa co compromiso que eu teño, se se lle ofrece unha posibilidade como esta, de servidor público, diga que non. É moi difícil. Con todo eu son unha persoa permanentemente disposta a asumir responsabilidades e lixeiro de equipaxes para deixalas. Non son unha persoa que se aferre aos postos, nin que renuncie a responsabilidades. Se eu son chamado para que sirva nun determinado posto é contrario a miña natureza dicir que non e se se dá o caso oposto tampouco serei unha persoa que me opoña. Estou moi agradecido aos e ás veciñas de Santiago pola oportunidade que me deron por servilos tanto tempo e iso será máis alá do que dure esa circunstancia.
Tamén cho digo porque as últimas enquisas apuntan á continuidade dun goberno de esquerdas pero sen maioría absoluta. Vas completar os catro anos e preparar a sucesión o xa pensas nun novo mandato como Caballero?
Non me corresponde a min tomar esa decisión. Eu se me presento é co obxectivo de completar os catro anos de mandato, pero non me corresponde a min, senón ao meu partido político avaliar as expectativas políticas dunha alternativa que, obviamente, no momento que isto se dea, non serei eu o que plantexe un problema con esa cuestión. Pero mentres me pidan que siga, vai ser moi difícil que eu me negue a seguir.
Lóxicamente... pero de aquí a dentro de catro anos pasarán moitas cousas
Indubidablemente. Vivimos unha época con cambios moi acelerados e que vai ser moi importante para calquera cidade, ou calquera empresa, estar aí e aproveitar as oportunidades que se ofrecen. Da mesma maneira que o que se quede atrás, vai quedar moi atrás. O ritmo de cambio é tremendo e o que vai en cabeza, vai ben, o que sigue o ritmo vai, pero non tanto, e o que quede atrás, xa nada.
Os pactos son imprescindibles. Na lexislatura pasada non foron posibles porque as circunstancias non o fixeron posible
E falando de cambios, ves a posibilidade de facer pactos nesta lexislatura?
Os pactos son imprescindibles. Na lexislatura pasada non foron posibles porque as circunstancias non o fixeron posible. En todo caso, o meu obxectivo é manter un goberno en solitario que creo que é o que máis beneficia á cidade, pero corresponderá aos compostelanos decir como son as cousas.
Pero desta volta non descartas pactos co BNG ou Compostela Aberta?
Teño xa certa experiencia política e o meu obxectivo é gobernar só. Os cidadáns decidirán e o día seguinte ás eleccións haberá que resolver en función do que se teña decidido.
Falaba de que está a disposición do seu partido. Un partido que nos últimos anos tivo moitos problemas pero que semella que colleu folgos coa chegada de José Ramón Besteiro e o nomeamento como ministro de Miñones..
Eu estou convencido de que o PSOE vive un bo momento. Está moi compacto e o vexo sen ningún conflicto e non creo que haxa rivalidade entre uns e outros, ao revés. Cando chegue o momento, que será logo das municipais, tomarase a decisión máis conveniente para o futuro sen ningún problema. E con iso teremos unha alternativa que poida gobernar Galicia e,segundo, que via relacionado co primeiro, que pivote sobre o Partido Socialista.
Pero para iso é importante que ti, ou Lara Méndez, ou Inés Rey vos manteñades nas alcaldías...
Claro que iso é importante, pero tamén os cidadáns valoraran que haxa alternativa en Galicia. Vivimos un momento no que a sociedade vive crispada pola aceleración dos cambios que estresa a moitas persoas polo que vai vir despois. Hai que lembrar que logo da pandemia, veu a guerra e continuamos con moitos cambios. E isto fai que moita xente estea moi inquieta e agresiva. Lémbrome agora unha frase de José Luis Sampedro que lle preguntaron un día se non lle daba pena facer tantos anos, e el respondía, "sempre que a alternativa era moito peor". E neste caso, penso que alternativa é moito peor porque o actual goberno está respondendo ás necesidades da sociedade. E isto pode ser moi diferente.
Porque esa alternativa pode ser un goberno da dereita e da ultradereita, non?
E imos ves que consecuencias tería todo isto para os traballadores, para os pensionistas, e mesmo para a propia sociedade xa que, agora, España estase convertendo nun país moi competitivo.
E, xa para rematar, como encaras esta campaña?
Pois con absoluta serenidade e con absoluta disposición a rendir contas e falar de proxectos realistas. Outros están noutros escenarios completamente diferentes. Eu vou seguir sendo eu, que poderei equivocarme, pero sempre cun pragmatismo claro e un obxectivo claro porque quero que Santiago no 2027 estea en mellor posición que está hoxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.