María Rozas: "Compostela Aberta sempre foi unha forza honesta no goberno e na oposición"

María Rozas (Santiago de Compostela) encabeza a candidatura de Compostela Aberta. Logo da experiencia de 2015 a 2019, o partido que naceu desde os movementos sociais composteláns, aspira a renovar forzas dentro do consistorio santiagués. María Rozas lembra ao PSOE de Bugallo que moitas inciativas sociais e de control sobre vivendas turísticas xa foran aplicadas durante o goberno de CA,

Por Moncho Mariño | Santiago | 18/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-O lema da campaña de Compostela Aberta é “Polo que importa”. Que foi aquilo importante para moverte a ser a candidata de CA nestas municipais?

María Rozas, candidata á alcaldía de Compostela por CA
María Rozas, candidata á alcaldía de Compostela por CA | Fonte: MM-GC

Pois ver que Santiago necesita un cambio de rumbo, que necesita facer políticas transformadoras e progresistas, e teño a certeza que só é posible con CA. Porque o demostramos no pasado, porque moitas cousas que se dan por feitas non estarían aí se non estivese CA, non estariamos falando por exemplo dunha taxa turística se non a crease CA. Hoxe Santiago non tería unha ordenanza básica para as persoas vulnerables, non habería regulamentación de pisos turísticos se hai sete anos CA non dixera que era necesario e dese o paso para adiante. Sempre fomos unha forza política valente, nunca mirou por se sacaban réditos electorais das súas propostas senón que sempre miramos polo mellor para a cidade. Todo iso e o empuxe dos compañeiros e compañeiras foi o que me fixo tomar a decisión de dar un paso adiante.

-Que vos move, en conxunto, para continuar co proxecto nacido en 2015?
Como dis naceu en 2015 desde os movementos sociais, da rúa, da xente farta do desgoberno do PP, e iso segue no espírito e ADN de Compostela Aberta. Seguimos sendo un espazo de unidade, de xenerosidade, un espazo amable, tamén esa vontade para que Santiago sexa un mellor lugar para vivir. De feito, a nosa lista reflicte esas orixes de CA, porque todas e cada unha das persoas que forma parte da lista vén do movemento social ou do asociacionismo, ben sexa veciñal, sindical e que leva tempo traballando desinteresadamente para que Santiago sexa un mellor lugar para vivir.

-Na presentación da candidatura dixeches: “Compostela Aberta non quere os anos escuros do PP nin os anos grises de Bugallo”. Sobre este punto, porque a candidatura de Bugallo substituiu a CA na alcaldía en 2019?
O tempo dá e quita razóns. Si é certo que en 2019 Sánchez Bugallo conseguiu a alcaldía, penso que con promesas e propostas incumpridas. No seu momento CA foi moi inxustamente valorada, non digo isto non querendo facer autocrítica, son partidaria da autocrítica, houbo erros e hai que recoñecelos, mais tamén houbo moita inxustiza coa valoración do traballo de CA. O tempo dá e quita razóns, e está a demostralo en moitísimas cuestións. Demostrouno co proxecto de Clara Campoamor, que Sánchez Bugallo durante a campaña de 2019 anunciaba que ese proxecto non era bo e ía cambialo, non o fixo, arranxou un apaño co carrilbici mal. Dixo que a estación intermodal non se podería facer e aí está a intermodal feita. Dicía que o proxecto da nova depuradora non valía, aí está, e logo a taxa turística, e a min gústame insistir neste punto porque no seu día fomos moi criticados por turismofóbicos. Agora, oito anos despois demostrouse que tiñamos razón e por culpa diso perdemos todos estes anos.

Hoxe Santiago non tería unha ordenanza básica para as persoas vulnerables, non habería regulamentación de pisos turísticos se hai sete anos CA non dixera que era necesario e dese o paso para adiante

-Cal foi a autocrítica feita en CA desde 2019 até o día de hoxe?
CA sempre foi unha forza que actuou con honestidade no goberno e na oposición, con coherencia e sendo fiel aos seus principios. Autocrítica, todos os gobernos teñen os seus gobernos e está ben recoñecelos para mudalos. É certo que despois de oito anos temos experiencia tanto de responsabilidades de goberno como de oposición que nos permite ter un modelo de cidade que outras cidades non teñen. Con esa combinación que dá a experiencia municipal, experiencia na institución, mais sumado ao noso ADN e ás nosas orixes que están na xente do común, na rúa e nos movementos sociais.

-Agora mesmo, despois de todos os pasos de CA durante oito anos, como valoras o estado da formación a día de hoxe?
Compostela Aberta é unha candidatura municipalista e sómolo coa cabeza e o corazón postos en Santiago. Non nos debemos a ninguén e creo que sinceramente é unha vantaxe pois o único que nos move é mellorar a nosa cidade. O noso espazo é un espazo de unidade,  onde as diferentes sensibilidades políticas están recollidas desde 2015, creo que iso débese poñer en valor. Isto é grazas á xenerosidade das partes, un ou unha non acorda se a outra non quere e así temos representación de EU, de Podemos, de Anova e sobre todo temos xente a título independente que busca en Santiago outro espazo diferente á esquerda de Bugallo. Nese sentido insisto que dentro de CA temos persoas que participa de maneira independente e a nosa candidatura é un exemplo diso.

Oito anos despois demostrouse a validez da taxa turística cando nos chamaron turismofóbicos

-Que dirías a quen prognosticou a desaparición do voso espazo?
Que se equivocaron, ademais CA é un espazo consolidado e así se ve na cidade, está aí e con moito futuro. Ademais, Santiago será un lugar mellor con Compostela Aberta pois os demais partidos non teñen a experiencia nin o coñecemento e sobre todo, a honestidade e valentía para facelas.

-Como cales?
A recuperación de servizos directos. Agora mesmo estase falando moito do servizo da auga, estamos en 2023 e o rural de Santiago non ten saneamento nin abastecemento, unha moi boa parte, e somos a única organización política que nos atrevemos a dar o debate, fomos os únicos que no pasado asumimos unha xestión directa do guindastre municipal e da ORA. Temos un modelo de cidade claro, mais non só iso, somos a formación política ,e volveremos a selo se temos responsabilidades políticas, que demos un paso para adiante en políticas sociais ambiciosas, non asistencialistas. Puxemos en marcha unha renda de garantía básica, puxemos unha política para persoas sen recursos que foi pioneira en todo o estado, despois copiouna Barcelona e outras cidades. Así, onde se implementou por primeira vez foi en Santiago e lamentablemente Sánchez Bugallo, cunha mostra do seu desinterese sobre as políticas sociais, deixouna esmorecer. Tamén temos propostas para as persoas sen fogar que é outra mostra desa falta de sensibilidade que ten Sánchez Bugallo. CA conseguiu fondos europeos para construír un centro para persoas sen fogar e Sánchez Bugallo vaino converter nun edificio de oficinas. Non cremos nos muros antipersoas, non compartimos a liña do PSOE coas persoas sen fogar que foi erguer un muro en Xoan XXIII, algo proposto no seu momento polo PP. Compostela Aberta é a garante de que se fagan  políticas sociais en Santiago, de vivenda pois temos un problema gravísimo coa vivenda en Santiago.

-Segundo a vosa percepción do problema relacionado coa vivenda en Santiago, cales son os principais eixos que queredes seguir?
O problema da vivenda sempre estivo presente en Santiago, sempre houbo problemas para mercar unha vivenda, así medraron os concellos limítrofes. Agora o problema non é só para mercar unha vivenda, senón mesmo para alugar unha vivenda, non só polos prezos, senón que tampouco hai oferta de mercado de aluguer. Santiago é agora unha cidade que expulsa ás persoas, ás familias, non ten futuro se non ten familias. A nosa proposta de vivenda pasa por construír en chan municipal, recuperar a antifa empresa municipal de vivenda. A construción en chan municipal ten dous obxectivos: vender a prezos taxados como cando estaba a empresa municipal de vivenda, tamén debemos ser conscientes que moita xente coa actual situación de precariedade salarial, non pode pagar unha entrada nun piso, por moi baixa que sexa. Unha empresa pública de vivenda debe xestionar un  parque público de vivenda e poñelas en aluguer a uns prezos sociais. Ademais disto, propoñemos mobilizar toda a vivenda baleira que hai en Santiago. Non hai tanto un problema de falta de vivenda, senón de vivenda desocupada. Cando estabamos na alcaldía fixemos un estudo sobre cantas vivendas desocupadas había e eran unhas 3.000. Aí propoñemos rehabilitar as vivendas ou asumir parte dos gatos que teñan os propietarios das vivendas a cambio de poñelas durane certo tempo en alugueiro social. Sobre os pisos turísticos demostraron que CA é unha forza valente e leal aos seus principios, porque a aprobación definitiva sobre pisos turísticos que foi iniciada por CA aprobouse neste mandato, estando nós na oposición, puidemos ser desleais, absternos, así poderiamos ter recibido menos críticas e presións, pois recibimos moitas presións. Iso porque o noso voto a favor facía saír para adiante porque se necesitaba maioría. Porén, fomos valentes e decidimos ser coherentes tanto no goberno local como na oposición, e cremos que Santiago ten un problema de gobernanza de turismo. Insisto, non somos turismofóbicos, sabemos da importancia deste sector para a cidade, mais hai un problema de gobernanza de acceso á vivenda, había un problema de vivendas de uso turístico que non paraba de medrar e había que regular e aí fomos valentes. Aínda é cedo para avaliar os efectos no mercado, e mentres que noutras localidades este problema non se parou en Compostela si se conseguiu frear esa tendencia.

Non nos debemos a ninguén e creo que sinceramente é unha vantaxe pois o único que nos move é mellorar a nosa cidade

-Cal é a análise do rural compostelán, abandono completo ou non existe para os que vivimos no casco urbano?
Hai unhas semanas fixemos unha ruta por diferentes parroquias do rural, especialmente polo rural norte, o que peor está en dotación de servizos. Dicíannos algo que nos serviu como motivación e impulso: “ninguén se preocupou polo rural porque somos poucos veciños até que chegou Compostela Aberta” con responsabilidades de goberno e tivemos un concelleiro do Medio Rural que foi Rafa Peña a quen tanto lle tiña que o núcleo fose de 200 veciños como 2.000, el dicía que non había veciños de segunda nin de primeira. Teñen dereito a ter as estradas asfaltadas e a ter servizos. Creo que CA conseguiu un antes e un despois nese sentido, certo é que tivemos o mellor concelleiro de Medio Rural na historia de Santiago, o último xa vimos como acabou, que foi Pichel. Cremos que importa o rural porque os veciños do rural tamén son veciños de Santiago e que ademais debemos aproveitar o potencial do rural e non o aproveitamos. Sempre falamos de saneamento e abastecemento cando falamos do rural, do servizo da auga que é deficitario, mais existen outros déficits no mantemento das estradas, rozar as gabias ou mesmo nos servizos sociais ou no transporte público. Os veciños do rural non deben ter menos servizos que o resto. Por iso insistimos en reducir a débeda histórica co rural, que é moita, que non se pode resolver dun ano para outro, mais si propoñemos un plan de investimentos anual para que se dote de servizos o rural. Aí teño que ser moi crítica coa proposta de transporte público de Sánchez Bugallo cara o rural, pois unha vez máis esqueceu atendelo e agora, en campaña electoral, quere remedialo con anuncios que non vai poder cumprir. O transporte no rural onde ademais vive xente moi maior, é clave para conectar e unir todo Santiago.

-Que sectores sociais serían os vosos principais críticos?
Creo que temos sectores críticos porque as nosas propostas velan polo interese de todos e non duns poucos. Por suposto, non podemos agradar a sectores que buscan unha explotación turística de Santiago que nós non compartimos e buscamos un equilibrio. Non podemos agradar, e así nolo transmitiron os propietarios de vivendas de uso turístico, porque nós cremos noutro modelo para Santiago, noutro modelo de cidade. Nós non compartimos que no casco histórico se poidan abrir hoteis. Nós compartimos que o casco histórico é para vivir e non só para visitar. Entendemos que aí haxa críticos, mais os nosos obxectivos e intereses son os que son para ofrecermos un Santiago para vivir. Tamén é posible que as nosas propostas interesen ás grandes empresas privadas facendo negocio a conta do público. Propoñemos xestión directa do servizo da auga que leva cincuenta anos concesionado nun servizo privado, cincuenta anos de beneficio nunha empresa privada pois non vemos os beneficios para veciños e veciñas de Santiago. Dicía antes que no rural falta abastecemento e saneamento, mais tamén no centro de Santiago hai avarías continuas, tubaxes obsoletas, é un mal servizo o que se está prestando en todos estes anos. E o exemplo doutras cidades que decidiron asumir a xestión directa, cada vez máis, e non so baixo gobernos de esquerda. Hai exemplos de remunicipalización recente do PSOE en Ames, mesmo Arteixo co PP acabou asumindo a xestión directa da auga. Todos estes exemplos mostran que asumir a xestión directa afloran uns beneficios que antes, casualidade, coa empresa privada non aparecían. Recoñezo que estas propostas non lle poidan gustar a todo o mundo, sobre todo se hai intereses enfrontados.

Son moi crítica coa proposta de transporte público de Sánchez Bugallo cara o rural, pois unha vez máis esqueceu atendelo e agora, en campaña electoral, quere remedialo

-Ante unha hipotética negociación para un goberno de coalición, cales son as liñas vermellas que non atravesaría CA?
Iso será despois das votacións e dos resultados que teñamos o 28M. Os programas son importantes e CA fomos moi críticos durante todos estes anos de xestión do goberno local, e unha persoa que vota CA é porque non está contenta coas políticas de Sánchez Bugallo e insisto, temos grandísimas diferenzas de modelo de cidade. Nós debémonos aos nosos votantes, mais verémolo despois do 28M. O importante son as propostas e o modelo de cidade que queremos.

-Cal sería a primeira decisión que tomarías no caso de chegares á alcaldía?
A máis inmediata sería a forma de gobernar. Digo esta porque todas as demais levan máis tempo, se son cuestión que teñen a súa tramitación, mais mudar a maneira de gobernar dialogando, escoitando e tendo en conta a opinión das veciñas e veciños de Santiago é algo que se pode facer a partir do 28 de maio. Ter en conta a opinión das persoas, Sánchez Bugallo escoita mais logo non fai. Durante as nosas reunións démonos de conta que o PSOE non se reúne cos colectivos. Está falando agora que estamos en campaña e as poucas que fai, comprométese mais non cumpre. A xente recoñece que con CA non foi así, facer as cousas mellor ou peor, mais sempre tivemos esa disposición de servizo cara veciños e veciñas.

-Tedes medo do que poidan facer algúns medios como sucedeu entre 2015 e 2019?
Somos un equipo valente, estamos preparados para todo e todos e como tampouco nos van facer cambiar de idea, somos leais ás nosas propostas e principios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta