Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2023 | Actualizada ás 16:49
A Xunta e os concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas acordaron impulsar a creación dun ente supramunicipal para a xestión en cogobernanza do abastecemento de auga.
A decisión unánime adoptouse este venres nunha reunión de traballo celebrada na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, na que participaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, representantes dos concellos implicados e, de maneira telemática, o director técnico da sociedade estatal Aquaes, Jerónimo Moreno. Con este acordo desbloquéase a creación dun organismo supramunicipal para a xestión do sistema de abastecemento "imprescindible para garantir a calidade do servizo e favorecer a ordenación urbanística".
A idea de constituír unha comunidade de usuarios que garanta a participación e capacidade de decisión dos municipios implicados leva anos sobre a mesa e este venres, finalmente, todos mostraron "vontade real" de facela realidade. Os concellos comprometéronse a aprobar en outubro nos respectivos plenos municipais o acordo para a creación do ente, traballando paralelamente nunha auditoría técnica do sistema con apoio de Aquaes e da Xunta.
A conselleira Ethel Vázquez explicou que o feito de que a captación de auga dos ríos Lérez e Rons, de onde se abastecen estas poboacións, non estea regularizada nin cuantificada a cantidade a cada municipio, impide que se poidan tramitar o plan xeral ou modificacións urbanísticas.
Así, este futuro organismo supramunicipal dá cumprimento á Lei de Augas, que establece a obrigatoriedade de que haxa un ente supramunicipal de xestión dos servizos da auga cando estes afectan a varios concellos, e tamén afecta ao establecido no convenio asinado polos distintos municipios con Aquaes para as últimas obras de mellora do sistema de abastecemento da área de Pontevedra.
REUNIÓN "POSITIVA E EFECTIVA"
A conselleira apuntou que a reunión deste venres foi "positiva, produtiva e efectiva" para acabar coa situación "alegal" na que se atopa o sistema de abastecemento. Ademais, destacou a "vontade de cumprir este mandato legal e tamén moral de regularizar" a captación e explotación da auga, o que permitirá, entre outras cousas, unha "xestión máis eficiente da auga" solucionando a "situación irregular actual", o que permitirá saber a auga que se capta en cada momento e a súa distribución e consumo entre os distintos concellos.
Augas de Galicia e Aquaes "acompañarán" aos municipios no traballo para constituír este novo organismo e, en paralelo, realizarase unha "auditoría técnica e legal" para analizar as distintos fórmulas posibles de colaboración e "ver cal é a entidade máis útil", se un consorcio, unha mancomunidade ou unha empresa.
A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Eva Vilaverde, insistiu na "disposición" do concello da capital para "colaborar e facilitar as cousas na mellor dirección posible" e aclarou que "nunca" se opuxeron á creación deste organismo supramunicipal confirmando a súa "vontade e intención" para "seguir traballando nesta dirección", aínda que tendo en conta que Pontevedra ten "uns investimentos e uns gastos en infraestrutura que temos que ver como se reparten".
Pola súa banda o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, afirmou estar "moi contento" despois desta reunión porque "por fin, parece que vemos a luz ao final do túnel" e ve preto ter un organismo que "nos vai a levar a resolver problemas que se remontan a hai 30 anos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.