O PSOE acusa ao goberno do BNG en Pontevedra de "torpedear" proxectos socialistas

"Non entendo que Pontevedra se some ao carro da estratexia que seguen as cidades e comunidades onde Vox goberna co PP, freando iniciativas contra o cambio climático", sinalouo portavoz socialista Iván Puentes.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 13/10/2023 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Iván Puentes, acusou de "revanchismo político" ao goberno do BNG no Concello de Pontevedra porque, di, desde o inicio do mandato dedicáronse a "torpedear, paralizar e pór en cuestión todos os proxectos herdados das concellarías que xestionaba o Partido Socialista".

Iván Puentes fixo estas declaracións este venres nunha rolda de prensa que convocou para rebater as declaracións do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e do concelleiro César Mosquera nas que criticaron a falta de estudos que certifiquen a viabilidade do destape do tramo cuberto do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo.

Puente afirmou que resulta "inexplicable" que o BNG, "que é supostamente de esquerdas e que cre no cambio climático", paralice esta "aposta pola renaturalización e o reverdecimiento das cidades". "Non entendo que Pontevedra se some ao carro da estratexia que seguen as cidades e comunidades onde Vox goberna co PP, freando as iniciativas de loita contra o cambio climático", sinalou.

A primeira fase deste proxecto ten concedida unha subvención de 2,3 millóns de euros de fondos europeos que, a xuízo dos socialistas, corre o risco de perderse, xa que a obra ten que estar executada e recepcionada a 31 de decembro de 2025. "Se nos enredamos en máis estudos, o único que facemos é demorar a execución, perder o diñeiro e lograr o que eu penso que é o motivo oculto do BNG: que non se faga esta obra", aseverou.

Para o alcalde de Pontevedra este proxecto segue estando entre as súas prioridades, pero reitera que, antes de abordar unha actuación destas características, débense facer unha serie de estudos que garantan a súa viabilidade.

Lores sostén que ata agora "non se fixo absolutamente nada", unhas declaracións que para Iván Puentes son "mentiras absolutas" como, segundo dixo, pódese comprobar revisando o expediente e a documentación sobre o proxecto.

O portavoz socialista acusou de "descoñecemento" e "desinterese" ao goberno local do BNG sobre a execución desta obra "perfectamente viable" como avalan trece documentos técnicos procedentes da Comisión Europea, o Goberno estatal ou a Xunta. Para Iván Puentes o estudo geotécnico que demanda o alcalde debe realizarse unha vez que se decida o proxecto a executar e non antes.

"Temos aval técnico, institucional e da cidadanía para poder sacar adiante esta obra", defendeu Puentes, que esixiu aos seus anteriores socios no goberno local "que non enreden, que non paralicen". "Se non queren abrir o Gafos en Campolongo que o digan claramente para que actuemos os demais en consecuencia para poder executar esa obra", apostilou.

RESPOSTA DO ALCALDE

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi rotundo na súa resposta a esta polémica: "eu quero levantar o Gafos pero non o vou a facer sen garantías". "Mentres eu sexa alcalde non se vai empezar un proxecto de obra que pode levar por diante o patio do colexio de Campolongo, senón parte do propio Colexio", declarou o rexedor da capital en referencia a este proxecto de destapar o Gafos.

O alcalde insistiu na necesidade de estudos sobre os terreos polos que atravesa o río neste tramo urbano en relación ás posibles inundacións que se poderían producir xa que coa documentación que existe agora "non hai garantía de que isto non pase".

Iván Puentes
Iván Puentes | Fonte: PSOE Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta