Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2023 | Actualizada ás 13:34
O Concello de Santiago, en colaboración coas principais asociacións de hostalaría da cidade, volveu a pór en marcha a campaña 'Fala Baixiño', que xa se puxera en marcha co goberno de Martiño Noriega, co obxectivo de mitigar os ruídos que se producen na rúa para favorecer o descanso dos veciños.
A imaxe da campaña, que poderá verse nos establecementos, así como en autobuses ou 'mupings', conta coa imaxe de 'Maruxa', unha das dúas Marías, levando un dedo aos beizos en sinal de silencio e chiscando un ollo.
Tamén se reformulou a gama de cores. Neste caso, emprégase a cor amarela que, tal e como detallou en rolda de prensa este venres a alcaldesa, Goretti Sanmartín, asóciase coa precaución.
"Cando salgues ou cando estás en casa, a túa diversión ten que ser compatible co descanso das demais persoas. Respectar e convivir", reza o cartel.
Pola súa banda, Sergio Fernández, de hostalaría.gal, mostrou a súa satisfacción polo regreso desta iniciativa que "apela á responsabilidade individual". Tamén Lucía Vázquez, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas, destacou que se trata dunha campaña "moi sinxela" que lembra á poboación que "hai que ter prudencia e respecto con quen quere durmir pola noite".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.