O temporal deixa 129,8 km/h en Carballedo de Valdeorras

Os servizos de Emerxencias non rexistran incidencias significativas, máis aló dalgún desprendemento ou retirada de árbores, sen feridos.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 17/01/2024 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

A borrasca que afecta a Galicia rexistrou nas últimas horas o seu valor extremo, en canto a intensidade de vento, no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras, cun refacho máximo de 129,8 quilómetros por hora, segundo informou Meteogalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Segundo Meteogalicia, este valor máximo foi rexistrado na parroquia de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, sobre as 2,20 horas da madrugada deste mércores, nunha estación de medición situada a máis de 900 metros de altitude. Con respecto ás estacións que están por baixo desa altitude, este mércores rexistrouse o valor máximo de intensidade do vento na Gándara, Vimianzo (A Coruña), con 107,9 quilómetros por hora ás 1,20 horas da madrugada.

Por outra banda, nas últimas horas rexistráronse choivas de ata 25 litros por metro cadrado en Santiago de Compostela e 21,2 litros na Serra do Faro, en Rodeiro (Pontevedra). Galicia atópase en alerta por temporal, con aviso de ventos fortes e choivas intensas (aviso laranxa na costa e amarelo no interior), unha situación que tamén se deu nas últimas horas, cando se rexistraron valores máximos de 143,7 km/h nos refachos de vento, en Vimianzo; e 36,1 litros por metro cadrado no que respecta ás precipitacións, en Santa Comba.

INCIDENCIAS

Con todo, os servizos de Emerxencia non notificaron incidencias graves este mércores debidas ao mal tempo. Os bombeiros de Vigo tiveron que acudir na tarde do martes a retirar unhas chapas dun edificio na rúa Travesía de Vigo, e algúns elementos de mobiliario urbano e iluminación do Nadal que estaban en risco de caer á rúa, aínda que a madrugada dese mércores foi "tranquila".

Do mesmo xeito, os bombeiros da Coruña non tiveron actuacións relacionadas co temporal nas últimas horas, salvo unha saída, ao mediodía do martes, para asegurar uns carteis que se moveron co vento en Cantón Grande.

Os bombeiros de Santiago acudiron de madrugada a retirar estes de unha cuberta de 'uralita' e a limpar na Rúa Nova de Abaixo; tamén a retirar restos tras o desprendemento de parte dunha galería na Avenida de Barcelona; e a cortar unha árbore caída na rúa Roma. Así mesmo, á primeira hora acudiron a cortar varias árbores a Sionlla de Arriba, Zaramacedo e rúa Cotón.

Os bombeiros de Ourense e de Lugo, non reportaron intervencións relacionadas co temporal, nin tampouco o CIAE 112 Galicia, que limita as incidencias a retirada dalgunhas ramas, carteis ou cableado en diferentes vías, sen maiores consecuencias.

Unha muller protéxese da choiva cun paraugas, a 2 de novembro de 2023, en Madrid
Unha muller protéxese da choiva cun paraugas, a 2 de novembro de 2023, en Madrid | Fonte: Carlos Luján - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta