Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 12/04/2025 | Actualizada ás 21:55
Durante séculos, as mulleres do mar sempre estiveron aí: cosendo redes, descargado caixas, recollendo marisco a pé, levantándose pola noite, coidando a casa mentres os seus maridos faenaban. Sostiveron un oficio, unha comunidade e unha cultura. Pero, a miúdo, permaneceron invisibles, relegadas á marxe das historias oficiais do mar. Con esta serie de reportaxes Galicia Confidencial quere mirar de fronte a esas mulleres: darlles voz, nome e espazo. Reivindicar o seu papel presente, pasado e futuro nun dos sectores máis emblemáticos de Galicia. Porque, sen elas, o mar galego non se entende. Hoxe son máis de 4.000 as mulleres que traballan directamente no sector pesqueiro galego, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), principalmente en actividades como o marisqueo a pé, as conservas e as tarefas de redaría. Aínda así, a súa visibilidade e recoñecemento continúan sendo moi inferiores ao seu peso real no sustento da cadea mar-industria. Continuamos a nosa serie falando cunha muller de armas tomar, que durante 8 anos tivo baixo o seu cargo a máis de 600 persoas: a expatroa maior da Confraría de Vilanova de Arousa. Moita garra, coraxe e paciencia precisou para lidiar con algúns homes aos que, como ela mesma nos adianta, non lles gusta que lles mande unha muller.
María José Vales, mariscadora a pé de profesión, foi a segunda muller en ocupar o cargo de patroa maior na historia da confraría de Vilanova. Foi elixida por primeira vez no ano 2014 e, pasados catro anos de mandato, volveu saír elixida no 2018. Deste xeito, permaneceu como patroa maior ata o 2022, un total de 8 anos de mandato nos que fixo importantes cousas polo sector e polas mulleres do mesmo. Pero, que é exactamente unha patroa maior? Como ela mesma nos conta, "o cargo de patroa maior é o máis alto que hai dentro dunha confraría" e, como asegura, "normalmente sempre está monopolizado polos homes". Para que nos podamos facer á idea, sinala que, nestes momentos, "das 63 confrarías que hai en Galicia, só en 4 hai patroas". No tempo no que ela exerceu como patroa chegaron a ser 6 as mulleres no cargo e, anos antes, 12. "Semella que, no tocante aos postos de dirección en confrarías, co paso dos anos, imos a peor no canto de a mellor", lamenta.
E que fai exactamente unha patroa maior? Cales son as súas funcións? María José explica que o traballo consiste en "levar a xestión total da confraría e de todos os sectores que a integran, o que significa que tanto podes levantar unha confraría co teu labor como afundila". Ela chegou a ter 600 socios baixo o seu liderado e uns 20 empregados. Ao preguntarlle como chegou ela a ser patroa, ironiza con que hai dúas respostas posibles, dependendo de a quen lle preguntes. "Cando se presenta a este cargo unha muller hai homes que van dicir que é pola súa ambición por chegar ao máis alto, mentres que cando se presenta un home ao cargo o que din é que é porque sabe de mar", chancea. A realidade, porén, é que María José quería "cambiar a confraría, a forma en que se xestionaba e as cousas que nela se estaban facendo". Precisábase unha mirada feminina e foi así como, tras levar 14 anos como mariscadora --agora leva xa 25--, conseguiu entrar no cargo de patroa maior.
"CANDO TRABALLEI A PÉ DE MAR NUNCA TIVEN PROBLEMAS, OS PROBLEMAS CHEGARON CANDO EMPECEI A MANDAR, AÍ NOTEI O MACHISMO DO SECTOR"
María José chegou ao sector marisqueiro con tan só 23 aniños. A día de hoxe ten 49 e pode dicir con orgullo que nunca cambiou de oficio. Pero, máis aló de que esta profesión lle guste, o por que da súa incorporación á mesma agocha a palabra que fai que a maioría das mariscadoras se fixesen mariscadoras: conciliación. "Eu antes de ir mariscar saquei o curso de administrativo e tamén o de perruqueira e exercín como perruqueira ate que casei", conta. Cando casou, para poder conciliar o traballo coa vida familiar, entrou no marisqueo a pé. Durante os 14 anos anos que traballou a pé de mar nunca tivo problemas, sempre se atopou cómoda e foi ben recibida. Pero os problemas comezaron a chegar cando empezou a situarse en diversos cargos, tanto administrativos como de liderado. "Antes de ser patroa maior fun 5 anos secretaria da Agrupación de Marisqueo a Pé de Vilanova", explica. Así, tras ter colleitado unha boa relación tanto con mariscadores a frote como con bateeiros e cos compañeiros de todos os demais sectores, ao chegar a patroa maior, as cousas truncáronse con algúns.
"Cando empecei a mandar chegaron os problemas, aí foi cando notei o machismo dos homes (e tamén dalgunhas mulleres) do sector pesqueiro", lamenta, e resalta que, "cando os tratas de ti a ti, ao mesmo nivel, aí non hai problema, todos somos amigos; pero, cando comezas a desenvolver tarefas de mando no sector, aí é cando se tornan as cousas". "Os homes non queren aceptar as decisións que poida tomar sobre a súa actividade unha patroa", afirma María José, que conta que ten recibido comentarios machistas de todo tipo, e lamentablemente non só por parte de homes, senón tamén de mulleres. "Hai mulleres que, aínda a día de hoxe, defenden a estrutura de poder tradicional, baseada no mandato dun home", sinala, asegurando que, dentro do sector, aínda quedan "mulleres que nos atacaban ás que reivindicábamos que as mulleres somos algo máis que un floreiro, e que podiamos ser igual de válidas que calquer home para estar no cargo". Entre eses comentarios, estaba o de que María José podía ser patroa maior porque estaba na confraría de Vilanova, unha zona que non ten barcos pesqueiros, pero que se se tratase dunha confraría máis complicada nese senso, como por exemplo a de Cambados, non podería, tería que estar un home á fronte.
"SEMELLABA COMO SE OS HOMES SOUBESEN DE TODO PARA OPTAR AO CARGO, MENTRES QUE AS MULLERES OS ELIXÍAN PORQUE SEMELLABAN SABER DE TODO"
Pese a todas as críticas e aos comentarios, María José nunca se dobregou, consciente de que, "cando non se pode atacar as cousas que facemos, porque as facemos ben, hai que atacar á persoa". "Ás mulleres non nos queren nin nos postos de liderado nin nas mesas de negociación, porque chegamos a elas cos nosos argumentos, argumentos que igual hai a quen non lle gustan, pero que son igual de válidos e demostran que estamos aí", reivindica. Así, non cesou no seu empeño de "mudar cousas que só se vían estando dentro dunha confraría". Entre estas cousas, sinala como claro exemplo o feito de que, "cando se fixo a Lei de Confrarías, o sector do marisqueo a pé, non participou da mesma", é dicir, "un sector integrado practicamente na súa totalidade por mulleres quedou fóra da redacción desa norma e nin sequera se contemplaba que puidesen ser socias das confrarías". A consecuencia directa disto? "Que eran os homes que lideraban nas confrarías os que decidían o que querían que fixésemos as mulleres que traballabamos como mariscadoras a pé", critica.
Para María José, esa era unha das cousas que precisaban dun cambio inmediato, non podían seguir así, polo que decidiu presentarse ao cargo de patroa maior tan pronto como lle foi posible. "Para optar ao cargo tes que levar como mínimo dous anos como socia da confraría e eu, tan pronto como cumprín con ese tempo, xa me presentei", lembra. E é que sinala que unha das cousas que puido apreciar de moitos patróns maiores é que "semellaba como se os homes soubesen de todo e puidesen optar ao cargo case por natureza, mentres que as mulleres elixían poñelos a eles aí porque semellaban saber de todo e consideraban que elas non". Cando, en realidade, e dende o seu punto de vista, "ninguén sabe de todo, cada un é bo nunhas cousas e o importante é facer equipo e avanzar entre todos, algo que aínda a día de hoxe a gran parte do sector non lle entra na cabeza". Como acontece en todos os campos, canto máis unido e cohesionado estea un sector, máis doado será que logre os seus obxectivos e melloras para os seus integrantes.
"POR QUE NON SE FAI A MESMA FARÁNDULA NAS REUNIÓNS QUE SE FAN CO SECTOR DO MARISQUEO A FROTE QUE NAS QUE SE FAN CO DO MARISQUEO A PÉ?"
Esas reivindicacións sempre se adoitan negociar cos responsables políticos, en mesas de reunión ou encontros entre líderes. Sen embargo, María José tamén aprecia unha diferenza moi grande no trato que eses cargos políticos lle dán a uns e a outros en función do xénero maioritario do sector. "Cando chaman ao sector do marisqueo a pé --maiormente feminino-- ou cando hai patroas maiores nas reunións, adoitan facernos unha comida de pé na que non se fala case dos problemas que temos no sector, senón que se fai como unha farándula para que o pasemos ben e saiamos contentas na foto", indica. Pola contra, "cando chaman ao sector do marisqueo a frote, séntano a comer á mesa, unha mesa na que si se debaten temas importantes para o sector, e mesmo temas que atinxen tamén ao marisqueo a pé", critica. "Por que non se fai a mesma farándula --cómicos incluídos-- nas reunións que se organizan co sector do marisqueo a frote que nas que se teñen co sector do marisqueo a pé?", pregúntase.
Con este presente, como ve María José o futuro do sector? Poderán mudar as cousas? "Eu non podo ser moi positiva de cara ao futuro tendo en conta que sectores como o marisqueiro, que sempre estivo integrado por mulleres, o están absorbendo os homes nestes momentos, habendo confrarías nas que xa hai 40 homes e nas que sae presidente un home que leva só dous anos no sector fronte a mulleres que levan 25", lamenta. "Pensabamos que o feminismo o tiñamos gañado, pero agora vemos que o estamos perdendo e indo para atrás en moitas cousas", afirma, resaltando que "a do feminismo é unha loita continua todos os días, unha loita para que as mulleres reivindiquemos o lugar que nos corresponde en todos os ámbitos da sociedade e do traballo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.