A crise do campo en Galicia, un berro contra a UE: "Hai que volver a producir alimentos sans e de calidade"

As protestas de gandeiros e agricultores teñen como base a Política Agraria Común (PAC) aplicada desde 2023 e até o 2027. No caso galego os e as produtoras consideran que a normativa europea se fixo de costas ás súas realidades e ademais non evita que profesionais agrarios estean producindo a perdas. E a isto sumarlle a aparente falta de esixencias ás importacións agrarias impostas aos produtos da UE.

Por Moncho Mariño | Santiago | 01/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os produtores agrogandeiros galegos non aceptan de bo grao as normativas saídas da Política Agraria Común (PAC) con vixencia 2023-2027. Aínda que a súa discordancia paira sobre practicamente todo o corpo legal desta política europea, son algúns puntos concretos os que máis rexeitamento provocan. As conclusións do tecido produtivo agrogandeiro en Galicia son que non se pode facer fronte ás importacións de terceiros países (de fóra da UE) e tampouco ás novas esixencias europeas sobre cultivos e medidas medioambientais. Súmanlle ademais a excesiva “carga burocrática” chegada en paralelo coas novas demandas da PAC, cargas burocráticas que non senten como algo resolutivo nin capaz de axilizar a tramitación de documentos ou a contabilización mesmo de xurros producidos nunha explotación gandeira.

Varios tractores de agricultores chegan a Ourense durante unha manifestación na segunda xornada de protestas, a 7 de febreiro de 2024 en Ourense, Galicia (España). Agricultores e gandeiros de toda España sacaron os seus tractores ás estradas por segu. Rosa Veiga - Europa Press
Varios tractores de agricultores chegan a Ourense durante unha manifestación na segunda xornada de protestas, a 7 de febreiro de 2024 en Ourense, Galicia (España). Agricultores e gandeiros de toda España sacaron os seus tractores ás estradas por segu. Rosa Veiga - Europa Press

UNHA PAC “FÓRA DA REALIDADE”?
A actual normativa PAC nace de negociacións previas aínda que, segundo o Ministerio de Agricultura Pesca y Alimentación (MAPA) “conserva los elementos esenciales de la PAC anterior”. Porén, para os produtores este documento nace a partir dunha análise errada: O Pacto Verde Europeo e a súa polítíca “Da Granxa á Mesa”. Isto implica a aplicación de fórmulas produtivas que non son consideradas compatibles coa produción agraria segundo algúns sectores. “Nós producimos alimentos sans e seguros como marca a UE, para iso deben cumprir unhas normas medioambientais que non son compatibles coa produción de alimentos” di Francisco Bello de ASAGA.

Entre esas medidas está a rotación de cultivos “cousa que historicamente non se fixo en Galicia” e tamén os Ecorréximes que “non están baseados nos xeitos tradicionais de producir que xa son sustentables desde hai moito tempo” apunta Bello. En teoría, a idea detrás desta rotación é a “depuración” de terras de cultivo para evitar o seu deterioro. “Este ecorréxime non ten aplicación por exemplo na comarca da Limia debido ao clima” apunta María Teresa Joga de ADEGAL. “Na Limia quíxose facer cultivando colza, nun primeiro momento parecía positivo mais logo non chegou a consolidarse” ante as condicións climáticas da zona. Isto traduciuse en que “se os agricultores non poden sementar novos cultivos acaban moi prexudicados economicamente”.

“Outro problema que temos é a carga burocrática, que é complexa, a isto súmanlle o caderno dixital onde se debe reflectir todos os traballos realizados, algo sen sentido práctico” di José Rodríguez da Asociación de Gandeiros de Lugo. Entre os elementos que recollería ese caderno dixital estarían as medidas de xurro que unha produción bota sobre os seus terreos. “Unha explotación de carne con 40 hectáreas pode facer unha mala xestión do xurro un día, mais o gando está case sempre fóra”. A xestión de residuos así como outros elementos considerados contaminantes tamén se debe reflectir nos documentos que esixe a PAC, de aí as queixas contra unha burocratización que vai en aumento.


MEDIDAS SANITARIAS E IMPORTACIÓN
A Unión Europea está cada vez máis pendente dos produtos usados en agricultura (tanto medicinas para animais como tratamentos contra malas herbas e pragas) pensando en non arriscar a saúde dos consumidores. As novas medidas reclamadas pola PAC son vistas polo sector produtivo agrogandeiro cando menos limitantes. “Debemos volver aos principios da PAC, sermos agricultores que produzan alimentos sans e de calidade” di Bello. Con todo, esas esixencias aumentaron década a década reclamando maior seguridade alimentaria en referencia ao uso de produtos fitosanitarios e outros químicos.

“Levamos décadas aplicando as normas da UE porque estamos a favor do coidado do medio ambiente, vivimos nel, mais por que nos aplican controis de seguridade que non se aplican a produtos importados?” pregunta Bello. “Se vas a un supermercado e ves carne da UE a 3€ e outra peza igual de fóra da UE a 1,5€, non podes pagar o produto nacional porque o teu peto non cho permite” describe Joga.

Un exemplo foi a carne importada de Arxentina durante moito tempo. Saía barata porque os gandeiros poden dispor de grandes superficies de terreo para as súas cabezas de gando. Á parte estaba a produción de soia que permitía incrementar o aporte de alimento para o gando. Mais no caso de Arxentina “deixouse de importar moita carte pola presión para que non alimentaran o gando con soia, ademais, tampouco podes competir con EEUU onde non hai límites co uso de hormonas” destaca José Rodríguez.

A actual PAC aumentou a burocratización dos traballos agrarios ademais de poñer certas restriccións que os e as gandeiras e agricultoras ven como limitantes. Por outra parte, ademais de considerala como competencia desleal, a importación de alimentos desde outros países fóra da UE sen pasar polos controis sanitarios europeos, é visto como unha falta de apoio ao sector dentro da mesma UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Haberá que tomarse en serio a alimentación como servizo básico para permitir a vida e fomentar a saúde da poboación. Que nos deixen de pagar o transporte e que nos dean de comer san e barato ! Produtos frescos de calidade é o que precisamos todas ! Se investimos en Educación e Sanidade ¿por que non podemos investir en alimentación? Que pasa que só pagamos as mariscadas dos políticos e nós comemos pasta 5 veces á semana ? Basta xa de tanto Negocio Escuro e desculpas de mal pagador !!!