A Festa do Boi xa ten datas, cartel e programación

Terá lugar do 25 de maio ao 2 de xuño e contará con máis de 50 actividades para todos os públicos. Na presentación, a alcaldesa Cristina Cid resaltou a importancia da festa como dinamizador económico para os negocios de Allariz.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 28/03/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Unha representación da Asociación Cultural Xan de Arzúa presentou días atrás, xunto coa alcaldesa Crisitna Cid, a imaxe gráfica e a programación da Festa do Boi para este ano. No acto estivo tamén unha representación da A.A.V.V. de Roimelo, entidade que participa dende hai uns anos na recreación do Trato do Boi durante a primeira xornada da Festa.

Presentación de cartel e programación da 'Festa do Boi 2024'. Foto: Área de Comunicación do Concello de Allariz.
Presentación de cartel e programación da 'Festa do Boi 2024'. Foto: Área de Comunicación do Concello de Allariz.

Segundo explicaba Juan Antonio Seara, representante de Xan de Arzúa, a imaxe desta nova edición é unha adaptación dun cadro de Rafael Cachaldora. O artista plasmou con gran realismo aos homes do sedeño e da aguillada e ao boi, mentres percorrían unha das rúas de Allariz. Esta imaxe é a que sairá no cartel e na programación da festa, así como tamén nas camisetas e panos conmemorativos.

A alcaldesa, Cristina Cid, resaltaba “a importancia de saber de onde xurde a Festa e agradecer a xeracións pasadas que foran capaces de conservar a tradición ata o día de hoxe, cunha festa tan importante para nós como é a Festa do Boi”, e agradecía aos membros da Asociación Cultural Xan de Arzúa a súa implicación altruísta naorganización. Para rematar, puxo tamén en valor a importancia da Festa como dinamizador económico para os negocios de Allariz.

A Asociación Cultural Xan de Arzúa está composta por veciños e veciñas que ano tras ano traballan para que a Festa do Boi se celebre en Allariz. Actualmente son preto de cen persoas voluntarias que se encargan dende a atención da Tenda do Boi, ata a pedicha porta por porta, a colocación da decoración das rúas ou a organización da festa.

ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

A programación festiva deste ano contempla unhas 50 actividades relacionadas coa música, o teatro, o lecer infantil, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi.

Como anticipo festeiro, e para presentear a Festa á mocidade, o venres 29 de marzo o Campo da Barreira acollerá unha festa coa Discomóvil Apocalipse.

Como é tradicional, un dos eventos centrais será a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi. E como novidade deste ano recuperarase a comida popular que dará comezo aos festexos, que se celebrará en Paicordeiro o sábado 25 con foliada a cargo de Xisco Feijóo

A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, e os tradicionais Zés Pereiras, entre outros. No que respecta á cativada, terán actividades escollidas para eles como: saídas do boi infantil, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil ou a actuación do mércores a tarde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta