Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 09/06/2024 | Actualizada ás 21:00
Se na pasada entrega falabamos de fútbol gaélico, esta semana é a quenda da chave, un xogo tradicional 100% galego, dos de toda a vida e deporte federado. "É un deporte autóctono, por non dicir case o único deporte tradicional galego, que só se xoga aquí", afirma David Castelo, secretario da Federación Galega de Deporte Autóctono, encargado da modalidade de chave, e presidente e xogador do club de chave San Cristobal de A Coruña. Esta Federación foi creada en 1996, "a través da Federación de Petanca", e logo pasaron a pedir a Federación de Chave en solitario. Agora, desde 2021, as dúas modalidades de chave e billarda forman parte da Federación Galega de Deporte Autóctono. "Nun principio, ía ser tamén con bolos celtas, pero non está considerado como deporte tradicional, xa que ten unha modalidade deportiva que é o bowling, americano, entón non entraban dentro desta nova federación", comenta. Castelo fai fincapé en que se trata de repetar a modalidade de xogo e de competición que se fundara polo 1996, que viña "das ligas de peás de toda a vida". Non actualizaron nada neste sentido, senón que incorporaron catro competicións a maiores.
A chave é un deporte de lanzamento, que consiste en lanzar unhas pezas de metal redondas e planas cun diámetro máximo de dez centímetros, os pellos, e dar a outra peza de metal máis grande, a chave, "con forma de bágoa" afincada no chan e dunha altura máxima de 51 centrímetros. Explica a forma de xogar: "Normalmente hai dous equipos de seis xogadores por equipo, no que cada equipo pode ter 12 fichas das cales, ao longo do partido, só pode ter tres reservas. Tírase a unha distancia de 14 metros, falamos da modalidade de chave federada, logo hai outras. Tiras catro pellos en cada tirada a unha distancia de 14 metros, que é onde se coloca a chave, co obxectivo de darlle dunha maneira directa para que conte un punto". Desta maneira, o que máis puntos faga é o que gana. "Non valen de rebote ou dobre toque, lanzas, dáslle e tiras e supón un punto, polo que toda chave tirada é valida", explica. Nun partido, contabilízase por tiradas, son 12 tiradas por equipo, tiran os seis xogadores, 48 pellos por xogador. "Soe durar si se lle dá bastante un hora ou tres cuartos", afirma.
BENEFICIOS DE XOGAR CHAVE
O perfil de xogadores de chave cambiou moito, desde a experiencia de David, fai anos, o perfil de xogador estaba asociado á xente maior, xubilada ou prexubilada. Xogábase os domingos pola mañá, era un pouco a actividade "de ir á feira, mercar por aló, ir á misa e xogar chave". Isto fai uns anos, cambiou, o perfil xa é máis novo, de xente, que polo que sexa non pode xogar fútbol por ser veterana, a partir dos 30 ou 40 anos, xente que busca unha actividade que non resulte dañina para as articulacións ou supoña especial cansancio. "Os equipos pasaron de ter unha media de idade de 60, igual agora está en 45, xa non chega aos 50 anos", comenta. Na Federación teñen unha única categoría senior absoluta, que engloba menores a partir de 14 anos, co permiso dos pais, ata os 18 anos e logo de todo tipo de idades, tanto homes como mulleres.
Como beneficios deste deporte destaca que a chave é un vínculo a nivel social, ao ser dos poucos deportes que aínda non está globalizado, ao que se xoga por equipos e por barrios: "Isto xa se perdeu no fútbol, por exemplo, pero nisto aínda xogas no teu barrio, cos veciños que baixan e poden xogar tanto o avó, como o pai e o neto, que se dan casos, por exemplo, no noso equipo". Nesta liña, tamén considera que se teñen uns desprazamentos relativamente curtos, que resulta máis accesible. Supón coñecer zonas que, se cadra, de non ser por este deporte, non se descubrirían. A nivel físico, ten o mesmo mecanismo que billarda e destaca que personalmente lle veu moi ben: "Fai tres meses tiven problemas cardiacos e unha das cousas que me recomendaron para a rehabilitación física foron exercicios de forza. Cando lles expliquei a mecánica deste xogo, os doutores xa mo recomendaron 100%, que fora sempre puidera". O propio lanzamento, xa que cada pello, máis ou menos, ronda entre" os 500 ou 700 gramos e hai algún dun quilo", que se fai 48 veces a unha distancia de 14 metros. Isto implica exercer unha forza considerable e despois facer o percorrido de 14 metros unhas 12 veces, que suporá "uns 3.000 pasos nunha partida de chave".
A COMPETICIÓN EN GALICIA
A nivel competitivo e de maneira federada, existe a Liga Xunta de Galicia, que agora ten tres divisións, con 29 equipos e onde se xoga unha liga regular entre xaneiro e xuño. Logo, continúa a temporada con torneos de verán e para finalizar o ano hai Copa e o torneo Caracar. Deste xeito compítese en ano natural, non por curso, durante oito meses e se descansa tres, dous en verán e decembro, polo que o resto do ano, xógase todos os findes. Existe unha clasificación, na que a victoria supón dous puntos e o empate un, ademáis de máximos chaveiros.
O secretario indica que na provincia da Coruña, existe un grupo que se chama A irmandade de Chave, no que xogan á mesma modalidade que a federada, mesma chave, mesmos xogadores, exactamente igual, porén xogan os domingos e non é oficial, máis aló de xuntarse e xogar. "Nestes últimos anos viñeron moitos equipos da Irmandade para a Federación e pouco a pouco, agardamos que veñan todos", comenta.Un dos puntos de inflexión nos que fai fincapé deste deporte é que existen moitas modalidades de chave ao longo de Galicia, en Ourense se xoga dunha maneira, en Ferrol doutra, en Santiago doutra, pasa o mesmo en O Grove, Morrazo ou Vigo. Constitúen modalidades autóctonas que "hai por aí perdidas en gran cantidade". Neste sentido explica: "Fixemos varios intentos porque a Xunta nos seus epígrafes de convenio permitian tratar de fomentar todas esas modalidades deportivas e de integralas na Federación. Ao final, van querer defender a súa modalidade deportiva e por mor dunhas casuísticas que non están dentro dos parámetros administrativos, non poden formar club, necesario para entrar na Federación".
O que si fan neste sentido é que a Xunta permite facer un equipo de O Grove poda organizar un torneo, que a súa vez poida ser subvencionado pola Federación e xogar todos. Así, integrar e "fomentar que todo vaia polo mesmo cauce". Para Castelo resulta unha pena que un deporte con tanta historia estea tan separado e máis no momento actual: "Consideramos que estamos na nosa mellor época porque se formalizou a competición, os xogadores xa se senten deportistas, coa súa mutua ou seguro de responsabilidade civil e tendo máis equipos ca nunca. Agora mesmo non podo dicir que está en auxe, pero si que está moi estable e, de cara o futuro, ninguén o sabe, pero a xeración que está hora pode tirar desde 40 aos 60 ata que veñan outros, pretendemos seguir crecendo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.