Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2024 | Actualizada ás 21:01
A Consellería de Sanidade acolleu este xoves o primeiro comité técnico do mosquito tigre deste ano co obxectivo de coordinar as actividades a realizar entre os diferentes organismos implicados.
Nesta reunión, tal e como informou a Xunta nun comunicado, participaron profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública do ámbito da epidemiología e saúde ambiental; investigadores expertos en entomología da USC e Uvigo; profesionais da área de Gandaría da Consellería do Medio Rural; representantes de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático; de Emerxencias 112-Galicia; da área sanitaria de Vigo; da Dirección Territorial de Sanidade de Pontevedra; da Deputación de Pontevedra; de Sanidade Exterior; e dos concellos nos que se detectou a presenza de mosquito tigre no ano 2023 (Moaña, Vigo, Cangas, Redondela e Vilaboa).
Neste comité, tanto a Dirección Xeral de Saúde Pública como membros da ReGaViVec, informaron do estado actual da situación do mosquito Aedes albopictus (mosquito tigre) en Galicia.
Así mesmo, expuxéronse as actuacións que se van a levar a cabo neste ano segundo o seu ámbito competencial, nas que destacan o deseño de actuacións encamiñadas a reforzar a vixilancia en colaboración cos concellos a partir deste mes.
Tamén se seguirá traballando na implantación dos programas de xestión integrada do vector Aedes albopictus a nivel municipal, tal e como se prevé no Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das Enfermidades Transmitidas por Vectores, publicado polo Ministerio de Sanidade en abril do 2023.
Desde o comité incidiuse na importancia da concienciación cidadá para a eliminación de focos de cría en recintos particulares e na participación cidadá a través da plataforma Mosquito Alert, coa que colabora a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), integrada polas Consellerías de Sanidade e Medio Rural, ademais das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo.
O comité adoptou a decisión de reunirse periodicamente, cunha frecuencia mensual, aínda que poderá convocarse de forma extraordinaria se fose necesario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.