Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2024 | Actualizada ás 14:56
O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, identificou a postura explicitada polo titular do Goberno central, o socialista Pedro Sánchez, sobre o financiamento autonómico, con "un paso máis" na "fuxida cara a adiante" dun mandatario que "quere manterse na Moncloa e o demais dálle igual".
Sánchez garantiu este mércores á portavoz de Junts no Congreso, Miriam Nogueras, que cumprirá o pacto que pechou con ERC para a súa investidura reformando o sistema de financiamento autonómico e recoñecendo "unha singularidade ao pobo de Catalunya" e desvinculou este compromiso da eventual investidura de Salvador Illa como presidente da Generalitat.
A preguntas dos medios no Pereiro de Aguiar, Rueda asegurou que non ve nada distinto a "un paso máis na fuxida cara a adiante e cara a ningunha parte" de Sánchez, despois da proposta que fixo de "financiamento sigular" para Cataluña e de que se incidise por parte do Goberno en que se xeneralizaría.
"Foi desmentido polos supostos beneficiarios que lle din que non se esqueza de que o tratamento singular para alguén é só para ese alguén e que os demais non poden ter o mesmo tratamento. Os que queren ser privilexiados mándanlle o recado de que non se lles pode meter nunha bolsa común, nin dicir que vai haber un tratamento singular para todo o mundo, porque deixa de selo", subliñou.
En todo caso, manifestou a súa convicción de que Sánchez só busca "garantirse a permanencia na Moncloa", polo que "ao final case o de menos para el é se Illa é finalmente presidente da Generalitat ou non". "O que quere é quedar na Moncloa e todo o demais dálle igual, supoño que mesmo se goberna ou non o seu partido en Cataluña", concluíu, tras remarcar a oposición a calquera modelo de financiamento que "crebe a igualdade" entre territorios en España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.