O CIS de xuño eleva a estimación de voto do BNG ao 0,9 % e baixa a do PSOE ao 31,7 %

A enquisa de xuño repite co PSOE na cabeza, pero só cun punto de vantaxe sobre o PP.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 20/06/2024 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O Barómetro de Opinión realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de xuño, dado a coñecer este xoves, repite co PSOE na cabeza cun 31,7 % de estimación de voto, pero déixase catro puntos nun mes e a súa vantaxe sobre o PP redúcese a só un punto, e iso que os 'populares' apenan crecen e anótanse un 30,7 %. No caso do BNG dálle unha estimación de voto do 0,9 %, mentres que en maio de 2024 outorgáballe un 0,6 %.

No conxunto estatal, na terceira praza consolídase Vox, que sobe ata o 12,1 % e xa saca máis de tres puntos á coalición Sumar, á que se atribúe un respaldo do 8,8 %. Tamén crece Podemos, que marca un 3,6 %, e estréase nos barómetro a agrupación "Se acabó la Fiesta" de Luís 'Alvise' Pérez, cun 1,5 %. A enquisa baséase en 4.011 entrevistas telefónicas realizadas entre o 31 de maio e o 6 de xuño, uns días antes das eleccións europeas que gañou o PP con catro puntos de vantaxe sobre o PSOE e nas que se estreou SALF con tres escanos. A marxe de erro é de máis/menos 1,6 puntos.

UN DE CADA CATRO ENQUISADOS SON DO PSOE

Ao preguntar aos enquisados a quen votarían se as eleccións xerais fosen mañá mesmo, un de cada catro (24,9 %) xa adianta o seu apoio ao PSOE, fronte ao 20,2 % que ten decidido votar ao PP. Moi lonxe quedan Vox e Sumar, co 8,6 e o 6,7 %, respectivamente. Iso si, un 12,8 % non sabe a quen votaría, un 4,3 % prefire non contestar e un 6,8 % estaría na abstención. Con esta pregunta de intención directa de voto e as respostas ao conxunto do cuestionario, o CIS conclúe que o PSOE gañaría unhas eleccións xerais cun respaldo do 31,7 %, o mesmo que tivo nos comicios de 2023 e case catro puntos menos que na enquisa de hai un mes, cando bateu marca nos barómetros da lexislatura cun 35,5 %.

Esa caída reduce a só un punto a vantaxe de catro puntos que sacaba o PSOE o mes anterior e os nove que tiña na sondaxe flash que realizou de urxencia o CIS nos días de reflexión de Pedro Sánchez. Pero o PP apenas crece, pois en xuño aparece cunha estimación de voto do 30,7 %, apenas tres décimas por encima do dato de maio e por baixo do 33,05 % co que gañou as eleccións xerais do ano pasado.

VOX, QUEN MÁIS CRECE

Quen máis sobe é Vox, que marca o seu mellor dato no CIS cunha estimación do 12,1 %, dous puntos máis que o mes anterior e achegándose ao 12,4 % que obtivo nas xerais de xullo de 2023. E non lle resta forza 'Se acabó la Fiesta', que nas europeas sacou o 4,6 % e tres escanos e que se estrea nun barómetro do CIS co 1,5 %. Pola súa banda, Sumar crece 8 décimas nun mes e sitúase no 8,8 %, mentres que Podemos, que neses días defendía a candidatura da exministra Irene Montero ás europeas, tamén sobe 1,4 puntos e chega ao 3,6 %. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: Arquivo

En canto aos partidos de ámbito territorial, en contra do ocorrido nas eleccións catalás e nas europeas, o CIS mantén a ERC por encima de Junts, co 1,8 % fronte ao 1,6 % dos de Carles Puigdemont. Do seu lado, Bildu segue por diante do PNV cun 1,1 % e un 0,9 % respectivamente.

SÁNCHEZ SEGUE SENDO O PREFERIDO E MÁIS VALORADO

O socialista Pedro Sánchez repite como o político preferido para presidir o Goberno dobrando ao 'popular' Alberto Núñez Feijóo (27,4 e 13,6 % das respostas), aínda que hai un 25 % que non quere a ningún dos grandes líderes. O presidente tamén é o político mellor valorado no CIS, cunha nota media de 4,3 puntos fronte ao 4,11 da líder de Sumar, Yolanda Díaz, e os 3,87 puntos de Feijóo. O presidente de Vox, Santiago Abascal, é cuarto con 2,81 puntos e non se pregunta nin por Ione Belarra (Podemos) nin por Alvise (SALF), a pesar de que lideran formacións de ámbito estatal.

Iso si, Sánchez xera desconfianza en dous de cada tres enquisados (67,6 %) fronte a un 30,3 % que di ter moita ou bastante confianza no presidente. Pero peores datos reflicte o líder do PP, que só suma a confianza do 21,9 % dos entrevistas por tres de cada catro (76 %) que teñen pouca ou ningunha confianza nel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta