Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2024 | Actualizada ás 16:23
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu este xoves unha nova reunión da comisión técnica de delimitación competencial no ámbito da administración local de Galicia. No encontro designáronse novos membros da comisión e todas as partes implicadas traballaron para "alcanzar o máximo consenso posible" na maioría das áreas que abordan.
Segundo explicou a Xunta nun comunicado de prensa, na reunión celebrada este xoves participaron, á parte de representantes da Xunta, miebros da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para clarificar as competencias de cada administración.
Deste xeito, prevén que a institución se reúna cada dous meses, polo que o seguinte encontro terá lugar o 4 de outubro para "abordar as diferentes competencias" en materia educativa, sanitaria, emerxencias e do servizo de axuda no fogar.
Despois da constitución deste organismo en abril do ano pasado leváronse a cabo varias reunións co obxectivo de "avaliar" as propostas tanto da Xunta como da Fegamp. Pola súa banda, o Goberno galego presentou en decembro o 'Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local de Galicia', elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Deste xeito, esta comisión técnica contrasta as conclusións de ambas as propostas para poder chegar a acordos, sobre todo naqueles ámbitos onde se detecta "maior dificultade" para clarificar as competencias, como é o caso dos servizos sociais, o mantemento de centros docentes e de saúde ou a atención ás emerxencias.
Nesta liña, a Xunta destacou que a través deste organismo valóranse as competencias que debe asumir cada administración e en que parte, ademais de avaliar se estas asumen os seus compromisos. En definitiva, a través da comisión evítanse " duplicidades" para garantir a prestación "eficiente" dos servizos públicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.