Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 25/07/2024 | Actualizada ás 18:28
A Comune de Noventa Padovana, localidade italiana próxima a Venecia, formalizou este mércores o irmandamento co Concello do Carballiño para asistir de forma oficial á Festa do Polbo. Máis en concreto, unha delegación italiana presenciará a preparación da tapa máis grande do mundo, o 6 de agosto. Tal e como se explica desde a Comune, "será un momento de intercambio e crecemento mutuo que fortalecerá aínda máis esta nova amizade".
O Concello carballinés devolverá a visita no mes de outubro, coincidindo coa celebración da Fera do Folpo, con características similares á festa ourensá, que xa conta coa declaración de interese turístico internacional e alcanza a edición número 62. O consigliere de Noventa Padovana, David Iafelice, mostrou a súa satisfacción co irmandamento e a resposta recibida polas autoridades do Carballiño, que "recoñeceron o valor histórico e gastronómico" da celebración, aceptando "con gran entusiasmo" estreitar lazos.
O Concello do Carballiño levou a aprobación do pleno este irmandamento o pasado 18 de xullo, aínda que o proceso iniciouse meses antes. Foi no mes de abril cando Lafelice, impulsor da iniciativa, xunto coa presidenta do 'consiglio comunale', Marguerita Franceschi, mantiveron unha videochamada co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, na que sentaron as bases desta unión. A Fera do Folpo aspira a lograr a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional e a súa visita á Festa do Polbo servirá como fonte de inspiración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.