O BOE xa recolle a declaración do Entroido galego como BIC

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2025 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

O Boletín Oficial do Estado (BOE) recolle na súa publicación deste martes a declaración do Entroido galego como Ben de Interese Cultural (BIC). Segundo recollen na publicación, o Entroido é recoñecido, a día de hoxe, como "unha das principais festas que se celebran en Galicia".

Xustifican a declaración en, entre outros motivos, a riqueza, diversidade, vixencia e recoñecemento comunitario de multitude de expresións singulares do Entroido galego como espectáculo, sociodrama e teatro; nas abundantes funcións sociais, comunitarias e culturais que cumpre; e no efecto positivo deste recoñecemento para consolidar os procesos sociais xa establecidos de salvagarda e transmisión.

Sinalan tamén que a influencia e interese polo Entroido vai máis aló das comunidades, grupos e individuos interesados, e ten o seu reflexo nas artes e letras non só de Galicia, senón no plano nacional e internacional. "O Entroido configúrase, por tanto, como unha manifestación inmaterial singular de Galicia, polo que é merecedor de ser declarado ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia", recolle.

A finais de febreiro, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciaba que a Xunta declararía o Entroido como Ben de Interese Cultural. Remarcaba que desta maneira unha das tradicións "con maior arraigamento popular" en Galicia terá a máxima protección, acorde coa súa "relevancia no patrimonio inmaterial galego".

O conselleiro lembrou que os trámites para esta distinción comezaron en 2024 co obxectivo de "darlle o xusto valor e recoñecemento" a unha das celebracións "máis estendidas, queridas e populares de Galicia".

Entroido das Bonitas de Sande, en Cartelle
Entroido das Bonitas de Sande, en Cartelle | Fonte: Cedida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta