O BNG fixa como meta que Galicia teña o mesmo "trato" financeiro que Cataluña e Euskadi

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e contra o xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, por "alimentar discursos racistas" sobre a emigración no que ve un intento por "competir" con Vox

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2024 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia



O BNG márcase como un dos obxectivos para o novo curso político defender e lograr que Galicia teña o "mesmo trato" a nivel financeiro que Euskadi e Cataluña, as outras dúas nacionalidades históricas do Estado.

Así o avanzou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, nunha comparecencia ante os medios tras a primeira reunión da executiva nacionalista tras o parón estival e que serviu para fixar as prioridades do ano político que arrinca.

Denunciar as "irregularidades" na contratación pública do PP desde a Xunta, presentar as "alternativas" do BNG aos problemas "reais" dos galegos en asuntos como a sanidade, educación, vivenda ou emprego; e, finalmente, reclamar que Galicia teña un "status financeiro" equiparable ao de Cataluña e Euskadi.

Son o tres eixos principais sobre os que, como detallou Pontón ante os medios, pivotará a acción da primeira forza da oposición no Parlamento galego a partir de setembro, mes no que reclamarán que o presidente autonómico, Alfonso Rueda, compareza en sede parlamentaria no primeiro pleno do período de sesións para explicar a "longa lista de casos" que, di, sementan dúbidas sobre a forma de contratar da Xunta.

"O PP, en lugar de xestionar os recursos públicos, fai o contrario: mete a man na carteira dos galegos para beneficiar aos seus familiares directos", aseverou Pontón, que avanzou que, ademais da comparecencia, solicitarán a creación dunha comisión de investigación parlamentaria para que o Goberno galego responda sobre "os 1.331 contratos concedidos a dedos a Eulen", os "pelotazos" durante a pandemia a empresas "con vínculos directos con familiares" do PP ou o "sobrecusto" de 470 millóns sinalado polo Consello de Contas na construción do hospital Álvaro Cunqueiro.

FINANCIAMENTO

Outro dos grandes asuntos que o BNG quere pór sobre a mesa durante os próximos meses é a defensa de que Galicia non quede relegada ao trato de "unha nación de segunda" e sexa "tratada" a nivel financeiro "igual que as outras nacionalidades históricas do Estado" para que os galegos "teñan as chaves" do seu diñeiro, segundo recalcou Pontón.

Cuestionada sobre o acordo de investidura en Cataluña e o cambio no modelo de financiamento para esta comunidade, emprazou a non "virar" en torno "ao que deciden ou pensan" alí, pois considera que Galicia debe "pensar con valentía e empeño que é o que necesita" para "pór fin" a un sistema "negociado por Feijóo" e que a "discrimina" e deixa "un buraco" anual "de 1.000 millóns de euros".

"Os galegos teñen dereito, como os vascos e os navarros, a xestionar os seus recursos e despois negociar co Estado", aseverou a líder frontista, que situou a Rueda como "o presidente galego máis centralista da historia" por actuar como "un cohibido" e limitarse a exercer "de delegado en Galicia do PP".

Para Pontón, Rueda e o PP galego desempeñan "un papel esperpéntico" no debate sobre o modelo de financión ao "abrazar o centralismo" e, en lugar de "reclamar que Galicia teña o mesmo trato que Cataluña e País Vasco", "o único que fai é copiar e difundir a falsidade de que Galicia é un país pobre".

SERÁN "CRÍTICOS" CON PGE SE O ESTADO "NON CUMPRE"

"Ou o Estado cumpre con Galicia ou o BNG terá unha posición crítica", resumiu Pontón cuestionada sobre a negociación dos orzamentos xerais, un debate no que defendeu que desde o Bloque serán "os únicos" que "condicionarán" o seu apoio a que se teña en conta a "axenda galega".

Por iso, incidiu en que o PGE do próximo ano son "unha oportunidade para que a axenda galega avance", unha mensaxe dirixida ao PSOE ao que tamén instou a "aproveitar" a oportunidade "aberta" pola Comisión Europea para "terminar coa estafa das peaxes" co seu proceso aberto sobre as presuntas irregularidades cometidas coa ampliación da concesión da AP-9 autorizada durante a etapa de José María Aznar no Goberno.

Neste sentido, reclamou aos socialistas que, en lugar de "defender a fechoría do PP" coa prolongación da concesión ata 2048 autorizada no ano 2000 "negocie" coa Comisión "para permitir poder pór fin ás peaxes".

REDOBRAR CAMPAÑA CONTRA ALTRI

O último do tres eixos sobre os que o Bloque articula a súa acción política dos próximos meses está centrada en presentar as súas "alternativas" para ir máis aló de "sinalar os problemas" de Galicia ou "que fai mal o Goberno". "Á beira de cada crítica, unha proposta", resumiu.

Así pois, o BNG presentará no Parlamento unha batería de iniciativas entre as que incluirá un plan de medidas de reforzo do siteam educativo, unha proposta de "rescate" da sanidade e, en concreto, da atención primaria ou un programa de acceso á vivenda para "mozas e non tan novas" ante os problemas de prezos.

Finalmente, Pontón tamén anunciou que o BNG pretende "intensificar" a campaña social contra o proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo) e reclamará que os 250 millóns de euros que a multinacional portuguesa reclama de fondos europeos para "contaminar" Galicia sexan empregados nun plan enfocado a revitalizar a comarca da Ulloa, a conca do río Ulla e a ría de Arousa.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

PONTÓN ACUSA A FEIJÓO E RUEDA DE "ALIMENTAR DISCURSOS RACISTAS"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e contra o xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, por "alimentar discursos racistas" sobre a emigración no que ve un intento por "competir" con Vox.

"Os galegos sabemos o que é ser emigrantes. É lamentable que un expresidente e un presidente da Xunta alimenten discursos racistas", aseverou Pontón este xoves tras ser preguntada pola mensaxe no que Feijóo acusou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de alentar un "efecto chamada" na súa viaxe a África e que foi apoiado un día despois por Rueda.

Para Pontón, é "moi perigoso" que os populares "alimenten" este tipo de "discursos racistas" para "competir" con Vox, máxime cando, segundo recalcou, Galicia "necesita xente que veña a traballar a este país" para paliar os problemas demográficos e as "dificultades" para atopar traballadores en determinados sectores.

"Galicia é unha terra de acollida. Somos todo o contrario ao que representa a extrema dereita", concluíu a líder frontista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Como "programa de goberno" non estaría mal se Ana Pontón e a UPG gobernaran Galicia. O caso é que nin gobernan eles nin o que goberna o Estado lles fai caso ningún (nin tren ni autoestrada de peaxe, nin siquera cesión das vivendas da Sareb) En fin, e a respecto do racismo reinante deberan poñerse diante dun espello e recoñecer que no seu modelo nacionalista de vía estreita non parece ben visto casar con estranxeiros ou ter fillos mestizos a xulgar polo silencio espeso que garda o BNG sobre este Proxecto de Recuperación de Galicia que leva 4 anos sen que ninguén (PP-PSOE-BNG) tomaran en consideración a proposta de cara a un futuro para Galicia https://gamela00.blogspot.com/2020/... Ana Pontón faría ben en coordinarse con quen presentou o Recurso ante a Comisión Europea (EnColectivo) e traballar o tema da AP-9 dende Bruxelas con Ana Miranda (antes de que caduque o seu mandato como europarlamentaria en 3 anos)

1 José Manuel Souto Lamas

Adiante goberno alternativo do BNG. I M P R E S C I N D Í B E L