Por Xurxo Salgado | A Coruña | 15/12/2015 | Actualizada ás 16:00
Queda menos dunha semana para os comicios do 20D e as enquisas albiscan un panorama político inédito en Galicia, cos partidos tradicionais que baixan e cos novos partidos emerxentes que serían os grandes beneficiados destes comicios.
Así, e segundo as enquisas publicadas, os tres partidos tradicionais galegos perderían representación. Deste xeito, o PP sería a forza máis prexudicada o 20D, coa perda de entre tres e cinco escanos, o PSdeG tamén baixaría un ou dous e o BNG podería desaparecer da política estatal coa candidatura Nós. Pola contra, outras novas formacións serían, segundo estes inquéritos, as máis beneficiadas. En Marea, sacaría entre dous e seis parlamentarios e mesmo lle disputaría a segunda praza ao PSdeG e Ciudadanos, que pese a non ter case estrutura en Galicia, podería sacar ata dous parlamentarios.
Por iso, esta realidade non é allea ás formacións. Nos últimos días insistiron en restarlle valor a estas enquisas, aínda que, dada a coincidencia de todas elas, tentan destacar os aspectos máis positivos das mesmas.
PP
Así, Miguel Lorenzo, candidato do PP pola Coruña lembra que a maioría destes estudos demoscópicos apuntan a un gran número de indecisos. “Hai que traballar para convencelos e para que saiban que o mellor proxecto é o do PP”, dicía nunha entrevista no GC na que suliñaba que, en todo caso, “as enquisas son as que son e a min as que me importan son as do día 20 e esperemos repetir resultados e obter os cinco pola Coruña e 15 en os mesmos que hai catro anos en toda Galicia”.
Fai uns días, o líder do seu partido en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, insistía en que nestas enquisas, a pesar de rexistrar baixas para o seu partido, tamén queda claro que “o PP é o gran gañador das eleccións xerais en Galicia”. “Seguimos como forza maioritaria e segundo o CIS gañamos as eleccións. Por iso hai que estar motivado para acadar a maioría absoluta”, indicaba.
Neste sentido, o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, mostrouse confiado en que o PP poida lograr tres do catro deputados da provincia que son os que ten agora, xa que as enquisas apuntan á perda dun deles. "O noso obxectivo está claro: tres a un", dicía.
PSOE
Tamén o PSdeG están convencidos de que os seus resultados van ser superiores ao que indican os inquéritos. “Non digo que se equivoquen, pero cando hai unha tan potente como a do CIS que sinala que a maioría dos enquisados di que se sinte afín ao PSOE pois xa di moito. Iso quere dicir que ese porcentaxe de indecisos está dubidando a quen votar e eses posibles votantes sexan nosos”, suliñaba a cabeza de lista do PSdeG por A Coruña, Pilar Cancela, nunha entrevista con GC.
No mesmo sentido se expresaba o líder do seu partido, José Ramón Besteiro, nun mitin este luns ao destacar que os socialistas “contan co apio da opinión pública e non da opinión publicada”.
Nós-Candidatura Galega
Máis contundentes son na candidatura Nós, que lidera o Bloque, onde desbotan o resultado destas enquisas. A propia Executiva nacionalista emitía un comunicado interno a súa militancia na que facía un chamado á mobilización para contrarrestar a “españolización” da campaña con debates e enquisas “a catro”.
“As enquisas perderon de xeito definitivo a súa finalidade de reflectir o estado de opinión, substituíndo a súa función pola de inducir un determinado estado de opinión. Especialmente grave no caso das gobernamentais -CIS, polo seu carácter público- que no caso da Galiza resulta claramente cuestionábel: pregúntase por unha alternativa aínda non conformada cando foi realizada a mostra, como Nós-Candidatura Galega, que obtén (segundo ese pintoresco criterio demoscópico seguido) menor apoio que a opción de voto ao BNG nesa mesma enquisa. Daquela, deámoslle o valor real que ten o inquérito. Non podemos albiscar o resultado electoral, mais si afirmar con rotundidade que a mostra non se fundamenta en parámetros cientificamente aceptábeis, e si nunha evidente intencionalidade política”, recollía este comunciado.
Unha opinión que comparte o cabeza de lista de Nós pola Coruña, Carlos Callón. “A enquisa do CIS ten un problema metodolóxico serio porque non preguntou por Nós Candidatura Galega, que aínda se estaba a configurar e, de feito, eu non era aínda candidato cando fixeron o traballo de campo. Nese sentido é un pouco entraño. É unha foto fixa de hai máis dun mes”, indica nunha entrevista no GC.
En Marea
Pola súa banda, En Marea, candidatura que se presenta a estes comicios nunha alianza entre Anova, Podemos e EU, evita a euforia a pesar dos resultados destas enquisas. “Somos moi precavidos coas enquisas . Nós só traballamos polo país e polo que digan os cidadáns o 20D. Vemos que aquí e noutras partes do Estado pouco a pouco se van acumulando enerxías e hai moita xente que se suma ao noso proxectos. Pensamos que no 20D imos dar a sorpresa”, apunta o seu candidato pola Coruña, Tone Gómez-Reino, en declaracións a GC.
En todo caso, está convencido de que, tras o 20D, vai haber un cambio importante no Estado, e cre que tanto En Marea, en Galicia, como Podemos no Estado pode superar ao PSOE. “Imos ser o motor do cambio e penso que é posible que iso sexa así”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.