Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2024 | Actualizada ás 12:09
O Concello da Lama decretou tres días de loito polo falecemento de Jorge Canda Martínez, alcalde da localidade durante 28 anos --desde 1995 ata 2023--. A noticia do falecemento de Canda Martínez foi recibido cun gran pesar polos veciños. O óbito, sinalou o consistorio nun comunicado, produciuse sobre as 04.00 horas deste domingo a consecuencia dunha longa enfermidade.
O velorio comezou ás 10.00 horas deste domingo no Tanatorio de San Mauro, de Pontevedra e o funeral terá lugar este luns, ás 19.00 horas, na igrexa parroquial de San Salvador da Lama. "Jorge Canda deixa unha profunda pegada entre os veciños da Lama e un profundo respecto entre o mundo político comarcal e provincial xa polo seu talante e afabilidade, así como pola súa capacidade de traballo e compromiso co futuro da Lama", sinalou o Concello no comunicado.
TRAXECTORIA POLÍTICA
Canda Martínez comezou a súa militancia política en 1986 no CDS e foi candidato á alcaldía por ese partido en 1987. Posteriormente, pasou ao PSdeG como independente e, nas eleccións municipais de 1991, quedou a 13 votos de alcanzar a alcaldía.
Con todo, foi nas seguintes eleccións, en 1995, cando chegou ao goberno cun pacto cunha forza independente de Gregorio Justo. Nos comicios municipais de 1999, encabezou de novo a candidatura dos socialistas e alcanzou a maioría absoluta.
Posteriormente, por desavinzas coa dirección dos socialistas, Jorge Canda e o seu equipo de goberno pasáronse ao grupo mixto e, en 2002, formalizaron o seu ingreso no PPdeG. Nas municipais de 2003 encabezou a lista do PPdeG, que foi elixido por maioría absoluta, do mesmo xeito que nos seguintes comicios. En 2023 integrou a lista liderada polo actual alcalde, David Carrera Cal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.