A Xunta esgotará a taxa de reposición cunha nova OPE en Educación para 2025: "Sumaranse 12 profesores por cada 10 que se xubilan"

O Executivo autonómico aspira a pasar dos 18.588 profesores incorporados desde 2009 aos 20.000, o que suporá uns 1.400 máis.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2024 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou este mércores na sesión de control do Parlamento de Galicia que a Xunta esgotará a taxa de reposición cunha nova oferta pública de emprego en educación o próximo ano 2025. Segundo informaron fontes do Goberno galego, correspóndese coa OPE do ano 2024 --os exames terán lugar o ano que vén-- e con ela o Executivo autonómico aspira a pasar dos 18.588 profesores incorporados desde 2009 aos 20.000, o que suporá unhas 1.400 máis. Deste xeito, a Xunta prevé esgotar a taxa de reposición do 120%, coa incorporación de 12 profesores por cada dez que se xubilan.

"Imos esgotar a taxa de reposición na oferta de emprego público en educación", destacou o presidente, que dixo que, desde o ano 2009 e co que se vai a facer agora, "haberá unha incorporación de máis de 20.000 docentes novos". Na súa quenda de réplica ao portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, Alfonso Rueda sostivo que Galicia terá o "maior cociente profesor-alumno", a pesar de que "está a baixar o índice demográfico".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento de Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento de Galicia | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

PIDE AO BNG QUE NON "TENTE FACER CAUSA XERAL DUN CASO"

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, insistiu este mércores en que hai máis profesores este curso que o pasado, pedindo ao BNG que non "tente facer causa xeral dun caso". Así o sinalou no pleno do Parlamento de Galicia tras ser preguntado pola deputada nacionalista Alexandra Fernández sobre a cobertura docente do CEIP Chans-Bembrive de Vigo, que perdeu un profesor para nenos con necesidades especiais respecto ao ano pasado.

Na súa intervención, ela asegurou que "non é un caso", senón que é algo "xeneralizado", debido á situación de "emerxencia" que está a Educación en Galicia, polo que miles de persoas saíron á rúa precisamente a semana pasada na cidade olívica para protestar pola situación que viven os centros escolares este inicio de curso. A pesar de todo, Rodríguez asegurou que Vigo conta cunha trintena de profesores de audición e linguaxe e pedagoxía terapéutica máis que no curso 2023-2024, "a pesar da baixada de matrícula". "Temos como axioma axudar aos alumnos que máis o necesitan", engadiu, recoñecendo que quedan "moitísimas" cousas por facer e por mellorar, pero negando o discurso "catastrofista" do Bloque.

OPE ESPERABLE PARA OS SINDICATOS

Sindicatos enmarcan no "esperable" a taxa de reposición do 120% anunciada este mércores polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para a próxima oferta pública de emprego (OPE) de educación, porque así o recollen os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) que permanecen prorrogados.

En concreto, de acordo con fontes do Goberno galego, con esta oferta, cuxos exames se celebrarán en 2025, espérase pasar dos 18.588 profesores que se incorporaron ao sistema desde 2009 a uns 20.000. Diso dedúcese que se convocarán unhas 1.400, a falta de que se fixe a cifra final.

"Non hai ningunha sorpresa", asegura a Europa Press o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, porque cun PGE prorrogados "a Xunta o único que pode facer é convocar oposicións coa taxa de reposición fixada" polo Estado nos mesmos.

A CIG fai unha proxección de que ata o ano 2030 as xubilacións anuais roldarán o milleiro, ás que se sumarán os falecementos e outras saídas do sistema por calquera motivo.

Neste contexto, e tendo en conta que hai vacantes que "nunca se cobren", singularmente en promoción interna, o resultado final é que "non hai ningún tipo de incremento". "Xubílanse persoas, morren persoas, entran persoas", resume Bermello.

Por parte de CCOO, Borja Campos recalca que "era o esperable" esa taxa de reposición do 120%, "ao non haber Orzamentos" novos a nivel estatal este ano a pesar de que o Goberno central anunciase a súa intención de eliminar a taxa para que as administracións puidesen incrementar aínda máis os seus persoais.

Agora, Xunta e sindicatos terán que "ver as xubilacións e defuncións do ano pasado" para fixar a oferta final. "E, das 1.000 e pico prazas, haberá que ver cantas son libres", engade Campos.

Desde ANPE, o seu presidente en Galicia, Julio Díaz, ve "unha boa noticia" continuar esgotando a taxa de reposición e reclama que "canto antes" se dea a coñecer a oferta.

Ademais, Díaz pon o foco en garantir "a cobertura" de todas as vacantes e, para iso, propón unha "reforma a fondo" da convocatoria e dos temarios: "Temos a experiencia do elevado número de prazas que convocatoria tras convocatoria queda sen cubrir".


PROBA DE ACCESO Á UNIVERSIDADE

Tamén no Parlamento de Galicia, Rodríguez foi preguntado, neste caso pola deputada 'popular' Celia Vázquez, sobre a situación actual en España das probas de acceso á universidade, defendendo o conselleiro o traballo realizado para conseguir uns exames "comúns e máis xustos" que garantan a igualdade entre os estudantes a nivel estatal: "Xa non hai volta atrás". Sobre iso, explicou que Galicia leva anos "defendendo e liderando" esta proba común, que se traducirá "nunha proba que xa é máis xusta que o curso pasado e que, progresivamente, deberá ser máis semellante en datas, contidos, estrutura dos exames e criterios de avaliación".

Román Rodríguez lembrou que ata 11 comunidades, que aglutinan o 70 % dos estudantes, recoñeceron esta proposta. Na súa resposta, tamén falou da proba especial para alumnos estranxeiros, criticando que suporá "unha barreira" para que universitarios de terceiros países accedan a estudar en España. "É unha medida excluínte", indicou, xa que obriga a desprazarse ás sedes da UNED dos seus respectivos países para facer o exame.

"CONCESIONARIAS, ENERXÉTICAS E BANCOS"

Por outra banda, tamén durante o pleno deste mércores, o secretario xeral do PSdeG, quen criticou os orzamentos da Xunta por "grises e tristes", ademais de "non dar resposta á crise de vivenda que sofre Galicia" onde, segundo indicou, 18.000 persoas están inscritas no rexistro público de demandantes de emprego. O socialista acusou a Alfonso Rueda de priorizar os intereses das grandes construtoras e do sector privado, en lugar de impulsar políticas públicas que garantan o acceso á vivenda para os mozos e as familias galegas.

Ademais, o socialista afeou a Rueda gobernar para as "concesionarias, enerxéticas e bancos" ao considerar que as contas da Xunta están deseñadas para os "privilexiados" sen ter en conta aos galegos que non poden acceder a unha vivenda ou que sofren os recursos nos servizos públicos. "Fálalle vostede aos que máis teñen: as concesionarias das autoestradas, ás grandes fortunas, ás enerxéticas e aos bancos. Pero cala diante das dificultades que viven as familias traballadoras, os mozos que non atopan onde vivir e os maiores que necesitan coidadores", afirmou.

Besteiro tamén acusou a Rueda de manter unha política fiscal que favorece aos máis ricos, reprochoulle a débeda "crecente" da Xunta e afeoulle tamén a "falta de compromiso" do seu goberno coa "preservación e fomento" do galego. Así, o secretario xeral do PSdeG sacou un gráfico no podíase ver a evolución do gasto da Xunta nesta materia para asegurar que se camiña na liña do "encefalograma plano", "moi por baixo do 1% do orzamento da Xunta".

MAIOR ORZAMENTO DA HISTORIA

En fronte, Alfonso Rueda destacou que se trata do maior orzamento co que contou nunca Galicia, no que tres de cada catro euros están destinados a gastos social. Ademais, puxo en valor que se contemplan rebaixas fiscais, amplíanse as prazas de residencia, inclúen axudas á conciliación, triplícanse os fondos para vivenda e, en definitiva, "axúdase a vertebrar Galicia". O obxectivo, en palabras do presente, é conseguir unha Galicia "cada vez máis social" e "seguir cumprindo cos galegos". O presidente, ademais, contrapuxo a estabilidade da "Galicia que funciona" e na que se poden sacar adiante as contas, fronte a un Executivo central sen orzamentos e que definiu como "un Goberno bastante escacharrado".

PEAXES E AUTOESTRADAS

Ademais, Rueda aproveitou a súa intervención para replicar as palabras de Besteiro sobre as concesionarias para botarlle en cara ao socialista que o Goberno de Sánchez aprobase o ano pasado "unha subida histórica" de peaxes. "Resulta que o gran problema é que este ano non conxelamos as tarifas. E todo o que nos contaron vostedes, que nos contou que ían ser gratis as autoestradas estatais este ano? Iso non é un problema, é unha mentira", afirmou Rueda, que lle trasladou a Besteiro que as concesionarias das autoestradas galegas con peaxes na sombra ían cobrar "máis de 600 millóns", unha cantidade que agora "queda na metade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta