Con cara de tonto

O Dépor deixa escapar a vitoria en Riazor tras empatar 1-1 o Valencia no minuto 93. Lucas Pérez marcou o seu 13º gol na Liga e o árbitro anuloulle un tanto legal por fóra de xogo que tería sido o 2-0. Os de Víctor Sánchez del Amo suman cinco xornadas sen gañar.

Por gcdeportes | A Coruña | 24/01/2016 | Actualizada ás 22:02

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Deportivo 1:
Poroto Lux; Juanfran (Jonathan Rodríguez, 87’), Arribas, Sidnei, Fernando Navarro; Álex Bergantiños, Pedro Mosquera; Cani (Luisinho, 68), Luis Alberto, Fayçal Fajr (Laure, 79) e Lucas Pérez.
Valencia 1: Ryan; Barragán (Rubén Vezo, 53’), Mustafi, Abdennour, Gayà; Zahibo (Bakkali, 60’), Danilo; Santi Mina (Rodrigo, 72’), Parejo, André Gomes e Soldado.
Goles: 1-0: Lucas Pérez (minuto 27). 1-1: Negredo (minuto 93).
Árbitro: Melero López (andaluz). Amarelas a Juanfran (64’), Lux (66’) e Arribas (81’) no Dépor e a André Gomes (47’) e Rubén Vezo (78’) no Valencia.
Incidencias: partido da 21ª xornada da Liga BBVA disputado no estadio municipal de Riazor ante 23.782 espectadores.

Negredo celebra o gol ante a desolación de Lux e Navarro.
Negredo celebra o gol ante a desolación de Lux e Navarro. | Fonte: lfp.es

Puido o Dépor ter sentenciado o partido, pero non o fixo ou o árbitro non lle deixou (anulou o segundo de Lucas Pérez por un fóra de xogo inexistente), e Álvaro Negredo empatou cun remate coa testa no minuto 93. Antes, Lucas Pérez adiantara os locais co seu 13º gol na Liga. “Con cara de tonto”, resumiu Luis Alberto a sensación deportivista tras deixar escapar outra volta dous puntos no tempo engadido (o Vilarreal marcou o 1-2 tamén no 93’). O Dépor suma cinco xornadas en Liga sen gañar, e só 3 dos últimos 15 puntos. A vindeira semana, co Raio Vallecano de novo en Riazor.

Fayçal Fajr e Cani volveron ao once no canto de Laure e Luisinho, titulares en Anoeta, e tamén Arribas, sancionado a semana pasada. Foi o Valencia quen tivo a primeira ocasión de perigo, pero Negredo errou no man a man con Lux e o seu disparou cruzado pasou a rentes do pau. Os de Gary Neville tiñan superioridade no medio do campo, máis posesión e rondaban a área deportivista. Mosquera probou dende lonxe, pero Lux tivo que saír aos pés de Dani Parejo no 24'.

Tralas dúbidas iniciais, o Dépor comezou a ter máis balón e axiña chegou o 1-0, tras un pase perfecto de Luis Alberto entre liñas para Lucas Pérez, que caneou o meta rival e marcou coa dereita. Levaba o de Monelos catro partidos sen marcar na Liga. A moral do Valencia quedou tocada, e o Dépor controlaba o partido sen problemas, buscando a área rival. Non apareceu o Valencia ata a última xogada antes do lecer, cando André Gomes fixo intervir a Lux en dous tempos.

Sen trocos no campo tralo paso por vestiarios, o Dépor permanecía sólido atrás e buscaba a sentencia á contra. Con Barragán mancado na banda, o árbitro, a instancias do xuíz de liña, anulou un gol legal a Lucas Pérez por fóra de xogo. E axiña sinalou outro que tampouco era, entre apupos de Riazor. Gary Neville deu entrada a Bakkali pola esquerda, e Víctor Sánchez, que xa metera a Luisinho, respostou con Laure. Ao Valencia non lle quedaba outra que adiantar liñas a polo empate, e o Dépor atopaba espazos ás costas da defensa. Lucas Pérez dispuxo dunha boa ocasión tras deixar atrás a Mustafi cun espectacular cambio de ritmo, pero non rematou diante do porteiro e prefiriu tentar o pase a Luis Alberto sen éxito. Por parte do Valencia, Negredo tivo unha boa ocasión para empatar a falta de dez minutos cun disparo que saiu un chisco por riba do longueiro da portaría de Lux.

O Dépor non puido sentenciar o encontro en dúas galopadas de Lucas Pérez, que non concretaron nin Luis Alberto nin Jonathan Rodríguez, e acabou pagando a escasa renda. O Valencia, cun centro de Parejo para o remate coa testa de Negredo, empatou o partido no minuto 93. “Con cara de tonto”, recoñeceu Luis Alberto ao remate do choque.

Luis Alberto asiste e Lucas Pérez marca: o 1-0 para o Dépor.
Luis Alberto asiste e Lucas Pérez marca: o 1-0 para o Dépor. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eueu

sr (ou sra.) xornalista: Tonto_ é a tradución ao galego de Tuento? aclárenolo se fai favor...