Por Europa Press / Redacción | FERROL | 20/01/2025 | Actualizada ás 18:47
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela (PP), instou este luns ao Grupo Elite, máximo accionista do Racing Club de Ferrol, a que reconsidere a súa decisión de construír fóra do municipio a cidade deportiva do Racing. "Non podemos permitir que ninguén de fóra veña a levar o que é noso, o que é de todos", dixo. Nunha comparecencia tras a Xunta de goberno deste luns, Rey Varela deixou moi claro a súa posición e a do goberno que lidera. "O Racing pertence aos ferroláns e eu como alcalde débome á cidade e á defensa dos intereses dos ferroláns", detallou ante os medios de comunicación, para incidir en que "nunca imaxinei que os propietarios do Grupo Elite expuxesen o proxecto da cidade deportiva como un tema monetario".
O rexedor lembrou as iniciativas que executou o seu goberno tras gañar as eleccións en maio de 2023, argumentando que "o Concello de Ferrol trasladou, traslada e seguirá trasladando o compromiso e o apoio ao Racing para que siga crecendo". Asi, mencionou cuestións como o "realizar as obras de adaptación do estadio, para que o equipo puidese xogar os partidos na Malata e non tivese que xogar fóra", unhas actuacións que se realizaron, segundo el, "nun tempo marca e que foron recoñecidas a nivel internacional". Nestes momentos, engadiu, estase co cambio de iluminación do estadio para adaptalo tamén ao que marca La Liga e, a longo de 2025, tense previsto licitar as obras para a remodelación da cuberta.
ACHEGA DE TERREOS
Con respecto á achega de terreos para construír esa cidade deportiva, Rey Varela asegurou que á directiva do equipo de fútbol ofrecéronselle "diferentes posibilidades de terreo para que a cidade deportiva estea en Ferrol, que ademais é unha obrigación para os accionistas e para o Consello de Administración". "Os recursos para a cidade deportiva veñen da liga e son do clube, non do Grupo Elite", dixo Rey Varela, quen precisou que, para levar a este acordo foron necesarias "decenas de reunións neste ano e medio para xuntos axudar e potenciar ao clube".
Rey Varela incidiu en que non lle "gustan as especulacións, pero tampouco" que "se oculte información a unha Administración pública". Con iso, dixo que lle sorprende que "digan que eses terreos foron unha oferta do Ministerio de Defensa", os emprazados en Narón e Valdoviño, "cando agora sabemos que foi en 2022 cando o clube se dirixiu ao Ministerio solicitando a compra das parcelas". "Sorprende tamén ler que para o Grupo Elite a decisión de localización dos terreos baséase en motivacións de carácter económico", engadiu.
O alcalde popular afirmou que "non lle parece normal que eses recursos se deslocalicen", en alusión á axuda da Liga para crear a súa cidade deportiva, á vez que dixo estar sorprendido por "coñecer pola prensa negociacións económicas sobre o nome do estadio", en alusión á posibilidade de que o estadio leve o nome da Malata Abanca. "Parece que descoñecen a decisión municipal de incorporar o nome de Isidro Silveira ao estadio", unha decisión aprobada no pleno.
A PLENO
Na mañá deste luns o tema foi abordado nunha xunta de portavoces e agora "a intención do goberno é elevar ao pleno a posición da cidade", que pasa por "comprometer o apoiar da cidade a un clube con independencia do seu accionariado, para que poida seguir afrontando os retos de presente e de futuro, entre os que se atopen, esperemos, a construción da cidade deportiva". Por último, detallou que "colaboración e diálogo absoluto como sempre tivemos co Racing" e que agora "agardo e desexo que o Grupo Elite tamén teña o seu compromiso coa cidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.