Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2025 | Actualizada ás 18:15
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, non apoia a proposta do BNG para declarar ao histórico galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como primeiro presidente de Galicia, porque ese foi "o primeiro que puido ser elixido democraticamente", é dicir, Gerardo Fernández Albor.
Na súa comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno galego, Rueda opinou que o que hai detrás desta proposta do Bloque é "un intento" de "apropiarse" a figura de Castelao e de dicir que "unha tendencia política ou unha maneira de pensar ten máis dereito a reivindicalo que outra". Dito isto, insistiu: "O primeiro presidente de Galicia foi o primeiro que puido ser elixido democraticamente e iso foi, por desgraza, moito máis tarde da morte de Castelao".
Este 2025 foi declarado pola Xunta como 'Ano Castelao' ao celebrarse 75 anos da morte do polifacético galeguista. No marco destas celebracións, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciaba que levará ao Parlamento unha iniciativa para declaralo de forma "oficial e legal" como primeiro presidente porque desde o exilio deseñou e dirixiu o Consello de Galicia.
"UN REFERENTE" PARA "TODOS"
Alfonso Rueda explicou que os actos polo 75 aniversario do seu falecemento busca "enxalzar a figura dun referente para a identidade de Galicia", algo que debe ser así "para todos os grupos políticos". "Para todos os que queremos a Galicia e amamos os seus referentes", apostilou.
Neste contexto, o presidente renegou de "calquera intento de apropiación" dunha figura da que "todos deberían" sentirse "orgullosos". "Eu estouno. E o PP, partido ao que pertenzo, tamén o está e non ten ningunha intención de apropiarse desa figura nin de que outros o pretendan", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.