Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/10/2024 | Actualizada ás 13:56
A Comisión Permanente de Movemento Sumar Galicia, órgano transitorio executivo, vén de convocar oficialmente a celebración da Asemblea Xeral de Movemento Sumar Galicia, con carácter constituínte, que se celebrará o próximo 23 de novembro na Edificio Sur da Facultade de Ciencias daEducación da Universidad de Santiago de Compostela. Un anuncio que chega xustamente en pleno terremoto político da formación tras a abruta saída de Íñigo Errejón, acusado de delitos sexuais.
Xa o pasado mes de setembro a Comisión Promotora aprobara por unanimidade o texto político, o texto organizativo e código ético, que foi sometido a debate nas distintas agrupacións comarcais da organización durantes as últimas semanas, con case un cento de emendas. Segundo o Portavoz en funcións de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, "as achegas están a enriquecer os textos e definindo o papel que a nosa organización quere ter no noso País e tamén como colaborar e achegar ideas para a gobernabilidade do Estado". Na propia asemblea está confirmada a participación da deputada Verónica Martínez Barbero e do deputado Manuel Lago.
CANDIDATURAS
A Asemblea Xeral Constituínte elixirá 30 membros para formar a Coordinadora Nacional a través de listas que deberán encabezar a ou o Secretario Xeral no número 1, e a ou o Presidente no número 2 . A elección farase por medio candidaturas pechadas, que deberán contar cunha lista de titulares igual ao número de postos a cubrir máis un mínimo
de 3 suplentes, e deberá contar, polo menos, cun 50% de mulleres. O prazo para presentar candidaturas será o próximo 15 de novembro.
O portavoz en funcións, Paulo Carlos López, aposta por "unha única candidatura que impulse o espazo transfomador no noso País, e que traballe por consolidar Movemento Sumar Galicia no territorio, que apoie o labor das deputadas galegas de Sumar no Congreso e que apoie a Yolanda Díaz e aos ministerios de Sumar nas políticas revolucionarias de dereitos laborais e sociais que se levando a cabo dende o Goberno do Estado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.