Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/11/2024 | Actualizada ás 14:32
O salario medio mensual, en termos brutos, subiu en Galicia un 4,7% en 2023, ata 2.136,06 euros, segundo o decil de salarios que elabora o Instituto Nacional de Estatística (INE) a partir dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA).
Esta cifra supón a máis alta desde que comezou a serie histórica en 2006, pero queda aínda máis de 100 euros por baixo da media nacional, xa que no total de España o soldo medio subiu ata os 2.273 euros, un 7,3% máis que en 2022.
Por unha xornada a tempo completo, os galegos cobran uns 2.364,93 euros de media, máis de 100 máis que en 2022, mentres que por un contrato a tempo parcial o salario queda en 895,19 euros.
Analizando os datos por rexións, as que presentaron en 2023 os soldos medios máis altos foron País Vasco (2.624,3 euros), Madrid (2.575,5 euros) e Navarra (2.515,7 euros), en tanto que Estremadura (1.915,9 euros), Canarias (1.987,9 euros) e Castela-A Mancha (2.025,2 euros) rexistraron os máis baixos.
DATOS NACIONAIS
A nivel nacional, o salario medio mensual disparouse un 7,3% en 2023, ata os 2.273 euros, tamén a súa cifra máis alta desde que comezou a serie en 2006. É o sétimo ano consecutivo no que se incrementa o salario medio despois de que en 2016 baixase por primeira vez en dez anos. O aumento de 2023, do 7,3%, é o máis pronunciado desde o ano 2008.
Segundo os datos de Estatística, o 40% dos asalariados (7,2 millóns de traballadores) gañaron entre 1.534,7 e 2.548,2 euros brutos ao mes en 2023, mentres que o 30% (5,4 millóns de asalariados) obtivo remuneracións de polo menos 2.548,2 euros mensuais e o 30% restante (outros 5,4 millóns de asalariados) cobrou un soldo inferior a 1.534,7 euros ao mes.
Dentro deses 5,4 millóns de asalariados que percibiron as remuneracións máis baixas, 1,8 millóns gañaron menos de 1.000 euros ao mes no seu emprego principal.
Para elaborar esta estatística, o INE ordena a todos os asalariados --18 millóns de persoas durante o pasado ano-- segundo a contía do salario mensual percibido e divídeos en 10 grupos iguais, co 10% dos traballadores en cada grupo.
Como resultado, o salario mediano, que divide ao total dos traballadores en dous partes iguais, os que teñen un salario superior e os que teñen un salario inferior, situouse en 2023 en 1.935,5 euros brutos mensuais, un 7,4% máis que no ano anterior (132,7 euros máis).
Este salario mediano é case 300 euros superior ao existente en 2018, ano no que se iniciou tamén a escalada do salario mínimo interprofesional (SMI), que se revalorizou un 54% entre 2017 e 2024, ata situarse actualmente en 1.134 euros ao mes por catorce pagas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.