Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2024 | Actualizada ás 13:58
O portavoz de Anova, Martiño Noriega, informou de que este sábado a formación acorda "unha reafirmación co documento asinado" de apoio ao BNG nas pasadas autonómicas "para redimensionar o soberanismo do século XXI", polo que dialogará en próximos meses co Bloque en busca de "unha "vontade de acumular forzas".
En declaracións á prensa en Santiago con motivo da Asemblea Nacional de Anova, Noriega asegura que isto se fará "sen prestablecer estacións de chegada". "Pero si coa vontade de pornos a dialogar nos próximos meses para buscar puntos de coincidencia e, sobre todo, unha vontade de acumular forzas e de tentar buscar unha alternativa ás políticas nocivas do PP", explica.
De tal forma, proclama que este sábado se vive "o retorno" de Anova. "Nunca se marchou, pero hoxe poderiamos dicir que regresa, e regresa con forza para tentar impulsando un cambio político no país, non só en clave electoral, non só con fórmulas prefixadas no institucional, senón con acción política diaria e cunha presenza que entendemos que ten que ser incisiva e importante", afirma.
Neste sentido, subliña que se trata de "un día importante" no que se vai a escoller unha dirección "unitaria" dun "patrimonio simbólico importante" de Anova. Deixa claro que este sábado "non se van a votar integracións ou non integracións" co Bloque, senón que se aposta por "camiñar e cooperar" de cara a un futuro no que "pór en valor" o "patrimonio simbólico (de Anova) con xenerosidade".
"ACUMULAR FORZAS NO SOBERANISMO"
E é que Noriega avoga pola importancia "acumular forzas no campo do soberanismo da esquerda", así como continuar o traballo nos espazos municipalistas e "estar á beira dos sectores agredidos no conxunto do país polas políticas do Partido Popular". "Estamos moi satisfeitos porque despois duns anos duros nos que Anova pagou unha peaxe por ser xenerosa cos espazos de confluencia e abandonar posicións de parte, consideramos que é o momento dun retorno", relata.
"Quero agradecer a todos os homes e mulleres que hoxe dan un paso adiante, que verdadeiramente significan e resignifican o feito de que existe aquí este patrimonio simbólico que ten que exercer politicamente e que fan unha aposta por redimensionar, como asinamos no seu momento no documento ás autonómicas con BNG, ese camiño dun novo soberanismo para o século XXI e dun espazo político plural e diverso que sexa capaz de impulsar unha alternativa ao PP", asevera.
ASEMBLEA NACIONAL
Anova, a formación do histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, celebra este sábado en Santiago de Compostela as súa V Asemblea Nacional, unha cita na que a organización presentou unha candidatura de unidade para a coordinadora nacional liderada polo actual portavoz, Martiño Noriega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.