Losada pide aos alcaldes de Lalín e A Estrada deixar a confrontación e colaborar nos trámites dos centros de saúde

O subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, falou esta semana con ambos os rexedores para explicarlles os trámites que deben levar a cabo para conseguir a adscrición destes inmobles

Por E.P. | PONTEVEDRA | 12/12/2024 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

O subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, reclamou este xoves aos alcaldes de Lalín e A Estrada "colaboración en lugar de confrontación" para axilizar os trámites que permitan a adscrición dos edificios dos centros de saúde destes municipios.

Losada falou esta semana con ambos os rexedores para explicarlles os trámites que deben levar a cabo para conseguir a adscrición destes inmobles. A autorización da adscrición corresponde á persoa titular do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións e é unha figura creada con destino a outras administracións públicas e entidades de dereito público exclusivamente. É un trámite máis áxil, "pero ata as cousas máis sinxelas requiren de vontade política e persoal", matizou o subdelegado, que sinalou que, se outros concellos están máis avanzados nese proceso, é porque "fixeron as cousas ben, falando coa Tesouraría da Seguridade Social, que está a brindar todo o apoio".

A adscrición de locais sen uso permite dispón dos inmobles presentando unha memoria justificativa do fin de que se pretende, axustado ás competencias municipais e á aprobación plenaria. A lei só permite venda, aluguer, cesión de uso ou adscrición, e esta última é "a máis vantaxosa para os concellos", explicou Losada. "A Seguridade Social non regala o seu patrimonio, porque é o patrimonio de todos os traballadores e das persoas xubiladas de España, pero tampouco quere correr coa carga de manter locais xubiladas de España, pero tampouco quere ter a carga de manter locais baleiros", sinalou.

No caso da Estrada, o antigo centro de saúde (de tres plantas e algo máis de 2.000 metros cadrados) só ten o condicionante de que deben permanecer nel as oficinas do Centro de Información da Seguridade Social sobre prestacións.

Segundo informou o director provincial da Tesouraría da Seguridade Social, Juan Herrera, nun encontro co subdelegado, a pretensión inicial do Concello para a reversión do inmoble foi desestimada por non axustarse a dereito, pero queda aberto o camiño administrativo da solicitude de adscrición.

En calquera caso, desde a subdelegación apúntase que a situación se complicou pola ocupación "irregular", por parte do Concello, dunha parte do aparcadoiro exterior para estacionamento de motos. Esta situación comunicóuselle ao alcalde, Gonzalo Louzao, para que retire ese estacionamento e inicie os trámites para lograr a adscrición de todo o edificio (incluído o aparcadoiro) e regularice a situación.

Con respecto a Lalín, Abel Losada trasladou ao rexedor, José Crespo, que o antigo centro de saúde segue adscrito a día de hoxe ao Sergas, porque non se tramitou a súa devolución á Tesouraría da Seguridade Social. Ademais, lembrou que o mantemento dos edificios adscritos correponde ás administracións que teñen esa adscrición.

Nese sentido, advertiu que a solicitude de cesión de uso por parte do Concello foi "prematura", e recomendou que opte pola figura da adscrición, "o camiño máis fácil e que están a aproveitar todos os concellos, aproveitando a última reforma legal".

OUTROS INMOBLES

Na súa reunión con Juan Herrera, o subdelegado do Goberno repasou a situación doutros inmobles da Seguridade Social na provincia, situados en municipios como Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Redondela, Bueu ou Nigrán.

No caso da adscrición ao Sergas dos case 180 metros cadrados do baixo da Casa do Mar de Vilagarcía, esta atópase en tramitación, e púxose en coñecemento da Autoridade Portuaria a disposición da Tesouraría para levar a cabo ese paso. Para iso, é necesario que a administración autonómica remita a solicitude.

En Nigrán, o antigo centro de saúde será adscrito nos próximos meses ao Concello, e o inmoble acollerá un centro de día para maiores e a sede da Agrupación de Protección Civil. Mentres, en Pontevedra, están a darse os primeiros pasos para a construción dunha nova Comisaría no edificio da Casa do Mar, unha vez que se inaugure a ampliación do hospital Montecelo; e en Bueu estúdase habilitar unha oficina da Garda Civil nun local no baixo da Casa do Mar. En Vigo e Redondela hai varios inmobles sen uso para os que non hai plans a curto prazo.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, co director provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Juan Herrera.. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO PONTEVEDRA
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, co director provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Juan Herrera.. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O Subdelegado do Goberno fuchicando na Tesourería da Seguridade Social é un fenómeno... O que non dín é que un fantástico local emblemático por ser obra do arquitecto Bar Boo foi REGALADO (Cesión Gratuíta) á unha Mutua Privada (mentras outro Ministerio está a punto de liquidar Muface Mutura Pública!) Así é como traballan estes liquidadores do público, sempre empregando a porta de atrás... Abel Losada agora é Xestor Administrativo ? Miserables !!! https://flic.kr/p/Ug8tTs