Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2024 | Actualizada ás 18:04
O sindicato CIG convocou para o 19 de xaneiro unha nova mobilización na localidade coruñesa das Pontes que partirá ás 12.00 horas desde a praza do Carmen para denunciar a "situación crítica" que, denuncia, provocou que pasados varios anos non haxa "unha transición xusta", senón "unha demolición".
Así o expresou o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, que lamentou que Endesa, "con apoio incondicional dos distintos gobernos, xa quere comezar o desmantelamento da central, pero deixando atrás un reguero de despedimentos", á vez que, engadiu, "o pobo e a economía das Pontes se desmoronan".
"Pretende impor como normal que os gobernos non teñan un plan de reindustrialización e de chan industrial. Ademais, está a permitirse que Endesa actúe con impunidade, sen asumir ningún tipo de responsabilidade social nin territorial, mentres segue facendo caixa", asegurou Carril.
Así mesmo, censurou que "son moitos os meses vividos desde o anuncio de peche da central", así como "os traslados e os despedimentos" e mesmo "o peche de importantes empresas nadas cando se executou o peche da mina".
Por iso, a CIG convocou esta nova acción de protesta, precedida doutras mobilizacións, e que, a pesar diso, "a día de hoxe a situación real é exactamente a mesma".
Neste sentido, a central sindical cuestiona "cantos despedimentos máis e destrución de emprego teñen que darse para que os gobernos actúen", reclamando coñecer "quen ten o diñeiro" e "onde están os millonarios fondos públicos destinados para unha transición xusta".
ANUNCIOS
Segundo o máximo responsable do sindicato nacionalista, "todos os anuncios e proxectos que se fan polas diferentes administracións, polos diferentes gobernos, están en fase de tramitación", aludindo á planta de hidróxeno, a fábrica de pneumáticos, "a planta de biofibras, un centro de amoníaco, centrais hidroeléctricas reversibles ou un plan de agricultura", ademais de "todos os instrumentos da mal chamada transición xusta promovidos desde o Goberno central".
Pola súa banda, o secretario xeral de CIG na comarca de Ferrol, Manel Grandal, asegurou que neste caso están "ante unha situación que empeora a pasos axigantados, que leva consigo un empobrecimiento industrial das Pontes e Ferrolterra" e que, por iso, non queda outra que "afrontar isto con mobilizacións".
Por último, en representación da executiva do sindicato nas Pontes, Hixinio Adega, trasladou que se acaba o ano 2024 e a transición nas Pontes "non existe", xa que continúan "sufrindo as consecuencias dun proceso de demolición, de reconversión pura e dura", pedindo así "a recuperación do tecido económico e os postos de traballo perdidos, cun plan industrial que garanta a reindustrialización e a creación de emprego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.