Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2025 | Actualizada ás 13:32
A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina realizou este venres na Praza da Ferrería de Pontevedra unha nova acción de protesta na que aproveitou para renovar o seu compromiso e anunciar novas mobilizacións para este 2025 para denunciar "a dramática realidade do pobo palestino ocupado" e o papel do Goberno galego, español e da Unión Europea "mentres ocorre un xenocidio televisado". No acto despregaron unha gran bandeira de Palestina nas escaleiras da Igrexa conventual de San Francisco, onde deron lectura a un manifesto por parte da representante de Galicia con Palestina, Anxela Gippini, e coreouse o lema "Galicia con Palestina. Do río ao mar, Palestina vencerá".
Nesta concentración de protesta sinalouse a "impunidade" do estado de Israel "quen de cometer todos os crimes en nome do neocolonianismo e do imperialismo, fronte á vergoñosa inacción da comunidade internacional". A Coordinadora Galega lembrou que máis de 45.000 persoas morreron na Franxa de Gaza desde que comezou o "xenocidio televisado", o 7 de outubro de 2023, "un balance terrible, máis tamén demostra que Israel non pode gañar" e tamén que "son 15 meses de digna resistencia das organizacións palestinas e da súa poboación, que se nega a desaparecer en silencio".
No manifesto aseguraron que "Israel non conseguirá ningún dos seus obxectivos, e moito menos o obxectivo real, acabar coa Palestina e co seu pobo" a pesar das "masacres diarias" contra a poboación civil e a destrución das infraestruturas vitais de Gaza. Sinalaron tamén que "Israel necesita desesperadamente crear unha situación de guerra rexional e caos que lle permita continuar traspasando todos os límites". A Coordinadora Galega destacou que tamén foron 15 meses de "mobilización permanente por todo o planeta", e en Galicia desenvolvéronse un milleiro de actos de protesta que demostran, segundo sinalaron, "que o pobo galego sempre soubo identificar os agresores e aos agredidos e colocarse ao lado correcto da historia e ao lado da humanidade".
Tamén lamentaron que a Unión Europea estea "paralizada á espera das instrucións que cheguen dos Estados Unidos" e que o Goberno español continúa presumindo de recoñecer o Estado palestino "coma se fose un gran avance" pero "este recoñecemento non significou nin unha soa acción concreta para prestar apoio a Palestina, nin para romper lazos con Israel". Pola contra, aseguran que o Executivo español "continúa mentindo descaradamente, preservando e aumentando os seus negocios genocidas, mentres fai declaracións tan grandilocuentes como inocuas" e mantén os seus acordos comerciais militares con Israel. Por último, acusaron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de "encerrarse en San Caetano" mentres "manda á televisión e a radio públicas do país silenciar as mobilizacións" e repróchanlle que tampouco respondeu á solicitude de reunión que fixo a Coordinadora Galega de solidariedade con Palestina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.