Por X.M. Fernández | Ourense | 11/01/2025 | Actualizada ás 10:00
En Galicia podemos presumir de ter moi bos humoristas gráficos. Algúns deles para poñer no altar dos clásicos como Xaquín Marín, Xosé Lois ‘O Carrabouxo’, Pinto & Chinto... e outros máis novos pero xa cunha traxectoria e un recoñecemento importante como Luis Davila, Juan Carlos Abraldes, Kiko Da Silva... Pero tamén se poden atopar viñetistas menos coñecidos que hoxe en día chegan ao público grazas a compartir as súas creacións gráficas nas redes sociais. Este é o caso de David Fernández Bueno, autor que asina como ‘Loiro’ e que se identifica moito co humor absurdo, un humor que practica axudándose moito dos xogos de palabras, algúns deles case imposibles.
Contactamos con el para coñecelo un pouco máis e aproveitar para preguntarlle pola recente publicación dunha escolma de viñetas.
Quen é Loiro?
Pois supoño que é una das metades de David Fernández Bueno. Antes dicía que tiña unha parte seria, Bágoa, --pero esa é outra entrevista-- e Loiro, que era a non seria. Pero prefiro dicir que é a miña parte desenfadada, a que uso para contar as chorradas máis grandes que se me ocorran e a que uso para rirme de min mesmo.
Cando tes conciencia de comezar a debuxar? E de facer viñetas e tiras, formatos polos que es agora coñecido?
Non sei que debuxante era, que dicía que non era que el comezara a debuxar, senón que o resto pararon de facelo nalgún momento. Algo así. Pero vamos, que é certo que de nenos todos debuxamos, e todos debuxamos igual. Vale que alguén sobresae un pouquiño porque ao mellor ten algo máis de habilidade. Basta que ese neno reciba un par de “halagos cutres” para que siga animado a debuxar. Creo que foi o meu caso, simplemente continuei cando outros pararon.
Autodidacta?
O meu profe de plástica no instituto, Jose María, tristemente falecido, marcoume e animoume demasiado a debuxar como para dicir que son autodidacta. Sigo empregando consellos que me deu aínda hoxe. E de vez en cando meto homenaxes por aquí e alá. Despois estudei deseño gráfico, onde tiñamos debuxo artístico con profesores xeniais. Así que clases de debuxo sempre tiven. Iso si, específicas sobre tiras cómicas ou no que respecta a clases fóra do que son os estudos pois nunca recibín.
"O meu profe de plástica no instituto, Jose María, tristemente falecido, marcoume e animoume demasiado a debuxar como para dicir que son autodidacta".
Nas túas viñetas hai algunha temática que predomine?
Diría que non… Ou sexa, creo que o definiría todo como humor absurdo. Pero temática en si diría que non. Podería dicir que a defensa da lingua, amor por Esgos (sae como paisaxe en centos de viñetas), e o amor polo noso e polas nosas raíces está representado en Loiro. Pero non como temática central, se non como algo que se le entre liñas.
Como ferramentas tiras moito de retranca e de xogos de palabras. Recursos imprescindibles para o teu humor?
Si, os xogos de palabras creo que é o recurso que máis emprego, ou o que polo menos máis penso e máis tempo lle dedico para que encaixe e funcione no contexto de cada chiste. Creo que a retranca, se a hai, sae de forma natural, sen pensala. Creo que incluso nin sabería moi ben definir o que é. Ou está ou non está, non sabería usala a propósito (risas).
"Os xogos de palabras creo que é o recurso que máis emprego, ou o que polo menos máis penso e máis tempo lle dedico para que encaixe e funcione no contexto de cada chiste".
Tes algún referente, galeg@ ou non galeg@, que te inspire e/ou que admires?
Obviamente Xosé Lois e o seu Carrabouxo. Pasei horas de recreos no instituto indo á biblioteca a ler libros de compilacións súas. Os xogos de palabras, e o feito de se o chiste o pode resolver en dúas palabras non emprega tres, creo que son a parte que máis me influenciou. Ten chistes de sabe Deus que ano que aínda sigo contando eu como quen conta escenas dos Simpsons (risas).
Que canles empregas para dar a coñecer as túas historias ilustradas en forma de viñetas e tiras de humor?
Pois basicamente Instagram... no seu día colaborei con algún medio, tanto en papel como en dixital pero agora mesmo limítome a esta rede social e de vez en cando nalgún fanzine que eu edite.
Falando de Instagram. Tes bastantes seguidores/as e vemos que empregas moito o formato de tira cómica. Que formato prefires, a viñeta ou a tira cómica?
Co formato de tira cómica levo relativamente pouco. Comecei facendo viñetas en papel a man, en branco e negro, dun cadriño ou dous. A iso funlle engadindo cores, ata chegar a un formato apaisado cheo de cor e feito en papel. Cando din o salto ao dixital, a idea era manter o formato apaisado e a cor, pero creo que non domino esa técnica en dixital. Así que decidín probar co formato en tira, con cadriños o que me permite cambiar expresións, darlle máis dinamismo e que as conversacións teñan algo máis de fondo. Comecei en branco e negro para despois de todos estes anos, volver ás orixes en certo modo.
"Comecei facendo viñetas en papel a man, en branco e negro, dun cadriño ou dous".
Algún medio no que publiques actualmente?
Non, pero gustaríame. Aínda así non o busco con moita forza xa que supón un compromiso que por falta de tempo moitas veces non sei se daría respectado. Pero oe, se xorde algo…
Temos que felicitarte pola recente publicación dunha escolma de viñetas: "Eu tirábame ao tren, pero non sei a que hora pasa". Cóntanos como e por que chega este traballo.
Moitas grazas! Pois chega como una forma de pechar un capítulo. Cando comecei co dixital, pensei que sería bonito xuntar as mellores viñetas feitas en papel dos últimos anos. Vai dende o ano 2018 ata o 2022, xa que considero que as anteriores teñen peor calidade. Algún día xuntarei todas esas para facer un “Loiro, the early years” (risas).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.