Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2025 | Actualizada ás 16:13
A Xunta de Galicia deberá indemnizar á familia dunha nena que se lesionou ao caer nunha gardaría de Lugo e golpearse contra un pavimento que se considerou "inadecuado". Foi o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que confirmou estes días a sentenza imposta en abril de 2024 polo Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, na que se condenaba ao pago de 40.666,81 euros en concepto de indemnización.
O accidente tivo lugar en 2015 cando a nena estaba no parque de xogos da gardaría e sufriu unha caída ao subir por un tobogán impactando contra o chan, que era de terrazo. Ferida de gravidade tivo que ser intervida ata en dúas ocasións e requeriu tratamento durante 1.450 días.
Os pais reclamaron en primeiro lugar ante o Consorcio Galego de Servizos, Igualdade e Benestar, que xestiona a gardaría, o pago da indemnización pero, ante a falta de resolución, fixeron a denuncia pola vía contenciosa. Na sentenza deste rebaixouse a contía da indemnización que solicitaban, desde os 82.900 euros aos 40.661 e fíxose responsable nun 70 por cento ao consorcio e no 30% restante ao concello.
O pavimento, que despois foi substituído por un de cortiza, foi o motivo que esgrimiu o Consorcio na súa reclamación para cambiar a repartición de responsabilidades, que foi desestimado polo TSXG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.