Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2025 | Actualizada ás 17:43
A praia de Lapamán poderá ser gozada en Semana Santa sen un dos elementos que afeaban a contorna deste areal: a estrutura do edificio sen finalizar cuxa demolición xa está en marcha no concello pontevedrés de Marín.
Nos últimos anos estaba a utilizarse a parte baixa da edificación como aparcadoiro de vehículos na tempada alta de verán. Ata esta construción, que se atopa situada no Camiño Real, desprazouse este venres a directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Vitoria Núñez, acompañada do concelleiro de Urbanismo de Marín, Manuel Santos.
O pasado mes de setembro, o xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra condenara á APLU á execución subsidiaria da demolición, dándolle un prazo máximo de tres meses desde a notificación da firmeza da sentenza. Esa sentenza destacaba que "a inactividade da APLU é en todo punto inescusable" e advertía que se corría o risco de que se chegase a cumprir o prazo de prescrición dos 15 anos e houbese que volver empezar de cero todo o proceso.
Finalmente, as obras comezaron hai uns días no interior do edificio, co desmantelamento de instalacións para separar os residuos e hoxe venres 24 de xaneiro de 2025 empezou a derriba desde o exterior. A previsión é que na primeira quincena do mes de marzo estean finalizados estes traballos que contan cun orzamento de preto de 180.000 euros.
CUSTO DA DEMOLICIÓN
O custo da demolición repercutirase ao propietario. A Xunta está a levar a cabo ás actuacións necesarias para executar subsidiariamente a orde de demolición ditada pola APLU, tras non executar o propietario a derriba, tal e como se notificou. De feito, a administración autonómica impuxo varias multas coercitivas ao propietario para que executase a demolición, pero non o fixo.
Desde a Xunta de Galicia trasladaron o "firme compromiso" da administración autonómica coa súa obrigación de recuperar o territorio especialmente protexido, "como exemplifica esta obra sen finalizar erixida sobre a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, xerando un forte impacto sobre a paisaxe".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.