Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2025 | Actualizada ás 14:38
A oposición lamenta que Galicia sexa a comunidade autónoma que "máis terá que pagar" da eventual sanción a España por non cumprir os obxectivos europeos en materia de reciclaxe, e atribúeo á "errada" xestión de residuos da Xunta. En rolda de prensa, a deputada do PSdeG Paloma Castro lembrou que os socialistas levan "anos advertindo á Xunta de que cambie o sistema", pois se "España e Europa avanzan nunha dirección" que conleva "reciclar todo o posible", para os socialistas, o Goberno de Alfonso Rueda "vai como un kamikaze no sentido contrario" que converte a Galicia "nunha cheminea e un vertedoiro".
Respecto diso, Castro tachou á Xunta de "terraplanista e negacionista" co cambio climático, e censurou "que colecciona tiróns de orellas da UE". "Só así se explica que desde 2018 sexamos a comunidade con peores resultados en materia de reciclaxe, a peor despois de Melilla", afirmou. Europa fixou o obxectivo de reutilizar e reciclar o 50 % dos residuos domésticos en 2020 e os datos de Sogama (a sociedade galega de medio ambiente, con planta en Cerceda) de 2023, segundo o PSOE galego, "sitúan a Galicia apenas no 18,32 %". Isto "quere dicir que Galicia é o territorio que máis terá que pagar", aseverou a portavoz socialista.
En concreto, cifrou o pago nun 12,83 % da sanción, e incidiu en que a comunidade galega é "un lastre para o resto". Para 2025, a directiva marca o 55 % da reciclaxe dos residuos municipais e "non se vai a chegar", augurou Paloma Castro, en previsión de "novamente sancións que pagará a cidadanía". Neste escenario, reclamou "dar unha puñada na mesa" e chamou a un "gran pacto de país en materia de residuos", para que a incineración "se converta nalgo subsidiario á reciclaxe". Así mesmo, subliñou que a Xunta "non pode botar balóns fóra" e rexeitou pasar "responsabilidade á cidadanía". "Pedimos a Rueda que deixe o populismo barato", concluíu.
"APOSTOU TODO A INCINERACIÓN E VERTEDURA"
Pola súa banda, noutra rolda de prensa, o deputado do BNG Luís Bará censurou que a Xunta "apostou todo á incineración e a vertedura", o cal "vai en contra da directiva europea". Bará sinalou que "en principio o Goberno (central) dixo que se ía trasladar ás comunidades" as consecuencias do incumprimento. "Non temos aínda coñecemento directo sobre esas posibles contías e como a Xunta vai xestionar esa situación", advertiu. En calquera caso, apuntou aos "antecedentes tendo en conta que acaba de aumentar de forma abusiva o canon que cobra a concellos". "Tememos que seguirá na mesma dinámica, tentando buscar responsables pero non cambiando para nada o deseño da política de residuos", concluíu. Nesta liña, o nacionalista tamén considerou que a xestión de residuos "debería ser obxecto dun acordo de país", no seu caso "cun período transitorio de coexistencia de sistemas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.