Por Galicia Confidencial | Verin | 16/02/2025 | Actualizada ás 10:00
O Concello de Verín contará para o Entroido deste ano cun total de catorce agrupacións itinerantes, dez orquestras e varias actuacións musicais, calculando que entre toda esta oferta poderán encherse 160 horas de música.
Os actos festivos comezarán o 20 de febreiro co xoves de Compadres e rematarán o 4 de marzo co martes de Entroido. Segundo destacou a concelleira, Samanta Barreira, "esta é unha festa que pertence ás súas rúas, á xente e á tradición. Un programa como o deste ano é a mellor mostra de que seguimos apostando por potenciar o Entroido de sempre, mantendo a súa identidade".
Abondando no anterior e subliñando o carácter popular e participativo do Entroido de Verín, Barreira lembrou o seu carácter de festa do pobo, pero aberta sempre ao forasteiro e á convivencia. En palabras dela, "o auténtico espírito do Entroido de Verín é aquel que nace da improvisación e da espontaneidade dos participantes. A combinación de charangas, disfraces e música nas rúas permite que a festa conserve a súa identidade histórica, fomentando a interacción entre veciños e visitantes nun ambiente de celebración e liberdade. Este enfoque garante que a esencia do Entroido de Verín siga sendo a mesma de sempre: unha festa de todos e para todos".
Respecto das medidas de seguridade, manteranse as implementadas na pasada edición, incluíndo a reorganización dos escenarios das orquestras, que funcionarán nun só espazo por día en lugar de dous. Esta medida busca optimizar as vías de evacuación e garantir un acceso rápido aos servizos de emerxencia en caso de ser necesario.
COMPADRES, COMADRES, VENRES DE COMPADREO, PREGÓN E ENTROIDO INFANTIL
O 20 de febreiro será o xoves de compadres, o 27 faise o xoves de comadres, mentres que o día 28 celebrarase o "venres de compadreo", día este último que ademais da actuación de Festiultores Troupe contará con Pappaquino, un artista local de gran proxección.
Un dos momentos máis emotivos deste Entroido terá lugar o domingo de Corredoiro, (23 de febreiro), coa celebración do tradicional pregón na Praza da Alameda, rendendo homenaxe este ano a Toño Prieto Lorenzo “Toné”, unha das figuras máis icónicas destas festas, recentemente falecido. O pregón será realizado polos seus fillos, mantendo viva a súa memoria e legado dentro da tradición do Entroido verinés.
Nesta edición, potenciaranse tamén as actividades destinadas aos máis pequenos da casa, en especial o luns 3 de marzo cun Entroido Infantil de 17 a 20:00 h. Será no Pavillón Municipal e haberá talleres temáticos e animación musical.
DESFILES DE ENTROIDO
Os desfiles seguen sendo un dos elementos centrais do Entroido de Verín, destacando especialmente o Infantil, que se celebrará o xoves de Comadres (27 de febreiro), ás 11:45 h. Este evento é un dos momentos máis coloridos e emotivos da festa, no que participan centros educativos de toda a comarca. Centos de nenos e nenas percorrerán as rúas ataviados con orixinais disfraces, mantendo viva a tradición e contaxiando a súa alegría a todos os asistentes.
O gran desfile do domingo de Entroido terá lugar o domingo gordo (2 de marzo), ás 12:00 horas, ofrecendo aos asistentes un espectáculo cheo de música, cor, orixinalidade e humor que se prolongará ata a hora de xantar. Pola súa banda, o martes de Entroido, (4 de marzo), ás 16:30 horas, celebrarase o derradeiro gran desfile, poñendo o broche de ouro á festa.
A programación completa e ao detalle está publicada na web oficial do Concello de Verín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.