Por Galicia Confidencial | Santiago | 08/04/2016 | Actualizada ás 13:42
"Non se dan as condicións para que haxa un adianto electoral en Galicia, os partidos e os presidentes son elixidos para cumprir os prazos establecidos na lei e neste caso o prazo de lexislatura é de catro anos”, destacou este venres, Javier Sánchez Agostino, portavoz de Ciudadanos (C's) en Galicia.
De feito, lembrou que o propio presidente galego xa dixo en varias ocasións que non ía adiantar os comicios. “Ademais desde aquí sempre houbo o compromiso de esgotar a lexislatura", engadiu nunha entrevista no programa Galicia por Diante da Radio Galega. Por iso, insistiu en que o seu partido está "en contra" de que se utilice "de forma partidista" un adianto electoral.
En todo caso, e ante esta posibilidade, Sánchez Agostino xa avanzou que C's está traballando coa hipótese do adianto electoral e definindo o seu programa electoral. "Nun mes e medio esperamos ter os nosos principios programáticos para Galicia. Será un programa novo e vangardista para Galicia", indicou.
Sobre posibles acordos tras os comicios, xa avanzou que, con que non pactará, será con En Marea polas súas “reivindicacións independentistas” e suliñou que a decisión de Feijóo de volver presentarse "non é nin mellor nin peor" para C's. "É imposible salvo que renuncien ao dereito a decidir", indicou.
Con todo, quen foi dirixente do PP de Santiago, dixo que, a priori, non veta a ninguén sobre futuras conversas. "Non temos vetos personalistas e estamos dispostos a sentarnos con todo o mundo, a proba é que onte mesmo nos sentamos con Podemos. E se o señor Beiras ten algún problema de receo con Ciudadanos terá que resolvelos el, sobre todo á súa idade", ironizou.
Precisamente, e sobre as conversas a tres entre PSOE, Podemos e C's, Sánchez Agostino dixo ser consciente de que é "difícil" que se chegue a un acordo polas diferenzas entre o partido de Albert Rivera e o de Pablo Iglesias, pero considerou positivo que falen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.