Temas: SQUASH

Hexemonía de Galicia no squash

Dobrete galego no Campionato de España en Madrid, no que o compostelán Borja Golán sumou o seu 14º título e a viguesa Xisela Aranda, o sétimo consecutivo.

Por gcdeportes | Compostela | 11/04/2016 | Actualizada ás 08:51

Comparte esta noticia

Entre os dous suman xa 21 títulos. Catorce para o compostelán Borja Golán, sete consecutivos para a viguesa Xisela Aranda. Dende hai moitos anos, Galicia manda no squash, e os dous galegos, cabezas de serie número un, cumpriron cos prognósticos esta fin de semana no madrileño Castellana Sports Club e proclamáronse campións de España.

Xisela Aranda e Borja Golán, de novo campións de España de squash.
Xisela Aranda e Borja Golán, de novo campións de España de squash. | Fonte: @Naffta

Por sétima tempada consecutiva, título para a viguesa Xisela Aranda, afincada dende hai un ano en Tenerife. Gañou na final por 3-0 (11-8, 12-10 e 11-9) á murciana Cristina Gómez, reedición da final do ano pasado en Compostela. Como ven sendo norma dende 2010, a viguesa impuxo a súa calidade ante unha rival aínda en categoría sub-19. Pasou máis apuros a galega en semifinais, onde necesitou cinco sets para vencer a Marina de Juan (11-8, 8-11, 11-8, 3-11 e 11-8) e asegurar a súa presenza na final.

En categoría masculina, todo un récord sen parangón. Dende 2002, agás un ano no que non puido competir por unha grave lesión no seu xeonllo, o título é sempre cousa do galego Borja Golán, catorce veces xa campión de España. O compostelán revalidou o título tras vencer na final por 3-0 (11-8, 11-3 e 11-2) o catalán Bernat Jaume.

Varias veces no top-10 mundial, Golán confirmaba así o sexto dobrete galego consecutivo no campionato de España. O compostelán, que en semifinais eliminou ao seu compañeiro de club e adestramentos Carlos Cornes (11-6, 11-4, 11-8), dominou con claridade a final, na que apenas concedeu trece puntos ao seu rival en todo o encontro. O definitivo 11-8, 11-3 e 11-2 ratificou ao galego, de 33 anos, como o dominador absoluto do squash español, con 14 títulos de campión de España nos últimos quince anos.

Temas: SQUASH
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta