Por Galicia Confidencial | Michigan | 27/04/2016 | Actualizada ás 11:26
O congreso facilitou un dialogo multilateral e transversal entre estes académicos e algúns dos artistas e intelectuais públicos galegos contemporáneos máis suxestivos que, en xeral, desenvolven o seu labor artístico en Galicia.
Foi unha semana intensa de conversacións sobre Galicia e a súa cultura. Foi unha semana plena de magníficas conferencias sobre os traballos dos nosos artistas, os nosos intelectuais, os nosos cineastas, músicos, escritores, xornalistas. Ao redor de 45 investigadores da cultura galega que realizan o seu traballo nas universidades de Norte América (tanto como as da propia Galicia e países como Polonia e Nova Zelandia, representados tamén no congreso) e 11 artistas reuníronse esta semana na Universidade de Michigan, Ann Arbor (o estado dos grandes lagos e da fermosa e conflitiva cidade de Detroit), onde durante 4 días someteron a escrutinio e debate, desde múltiples achegamentos interdisciplinarios e reflexións tanto teóricas como analíticas, a literatura, a música, o cinema, a fotografía, así como o mundo dos medios de comunicación e da produción cinematográfica.
Interesaba, e conseguiuse, presentar desde diversas interseccións xeográficas, e sempre desde traballos que recuperasen, revitalizasen e desen visibilidade tanto á tradición cultural galega como á produción máis recente; interesaba, igualmente, que iso se fixera desde un compromiso político, estético e teórico ao estudo da cultura. O congreso facilitou un dialogo multilateral e transversal entre estes académicos e algúns dos artistas e intelectuais públicos galegos contemporáneos máis suxestivos que, en xeral, desenvolven o seu labor artístico en Galicia. Directores de cinema (Lois Patiño e Eloy Enciso Cachafeiro), escritores (Pemón Bouzas, Suso de Toro, Miguel Anxo Murado e María Reimóndez), un produtor de cinema (Felipe Lage Couro), un xornalista (Xosé Manuel Pereiro), un fotógrafo (Manuel Sendón) e un músico (Bieito Romero) participaron en conversacións sobre o seu propio quefacer artístico e profesional tanto como do estado do artista galego e os desafíos aos que se enfrontan cotidianamente no seu labor.
Aínda que o congreso se caracterizou pola vitalidade das súas discusións e a elocuencia das exposicións dos investigadores, o máis destacable foi a absoluta xenerosidade dos invitados especiais (o once artistas e profesionais dos medios) nas súas interaccións e na súa presenza comprometida ao longo de todo o congreso con académicos de todo tipo e especialmente lingüistas, críticos literarios e críticos de cinema, En definitiva, críticos da cultura en xeral.
A Universidade de Michigan, unha das grandes universidades estatais e públicas do sistema universitario norteamericano , e que acolle ao redor de 50,000 estudantes con acceso a unha formación académica de primeiro nivel, interdisciplinaria, diversa e internacionalista, sentiu enormemente orgullosa de ter no seu campus a un grupo insigne de académicos e artistas que debateron temas, entre algúns outros, temas relacionados coas políticas lingüísticas do país; coa identidade galega tal e como se representa na súa cultura; coa relación entre identidade, tradición e modernidade; coa creación cultural e a transformación social; coa lusofonía e a identidade; coa memoria cultural, política e social do país; co seu lugar dentro da formación dos estudos ibéricos; en fin, falar do seu cinema, a súa literatura, a súa música e da situación, tantas veces precaria, dos seus autores, que viven de forma esquizofrénica entre os seus momentos creativos e os seus momentos de relación coas institucións e a administración. Os nosos invitados de honra (os arriba mencionados) participaron en sesións especiais, onde falaron especificamente sobre o seu labor profesional e artístico e a súa relación tanto coa contorna galega como fóra das súas fronteiras, e en mesas redondas onde debateron entre eles e co público sobre temas de orde xeral.
Os organizadores do simposio, Cristina Moreiras Menor, Benita Sampedro e Gabriel Rei-Doval, sentíronse enormemente orgullosos da cultura galega nestes días de intensa exposición a un público académico norteamericano. Pechamos o simposio coa gaita de Bieito Romero, que soou no campus da Universidade de Michigan en todo o seu esplendor, espectáculo ao que puideron acceder tanto os congresistas como os estudantes e profesores da Universidade de Michigan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.