O xa famoso 'se non es do PP, fódete' de Baltar é mentado por deputados do BNG e do PP no Parlamento

A vicepresidenta do Parlamento, Elena Candia, chamou á orde a Óscar Insua (BNG) e a Lara Méndez (PSdeG) por citar na tribuna do hemiciclo do Pazo do Hórreo unha das frases máis famosas das acuñadas polo que fose presidente da Deputación de Ourense e líder do PP provincial, José Luís Baltar, a ritmo do seu trombón: 'Se non es do PP, fódete'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2025 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

A vicepresidenta do Parlamento, Elena Candia, chamou á orde a Óscar Insua (BNG) e a Lara Méndez (PSdeG) por mencionar na tribuna do hemiciclo do Pazo do Hórreo unha das frases máis famosas das acuñadas polo que foi presidente da Deputación de Ourense e líder do PP provincial, José Luís Baltar, a ritmo do seu trombón: 'Se non es do PP, fódete'. As chamadas á orde de Candia, en funcións de presidenta ante a ausencia do xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, déronse no marco do debate dunha proposición non de lei formulada polo PSdeG para demandar á Xunta un plan único autonómico para o financiamiento de proxectos locais.

Foi durante a súa intervención cando o deputado do Bloque Óscar Insua, tras relatar diferentes exemplos de criterios de repartición a concellos "marca PP" manifestou que "o que non se arranxa pola orde, arránxase pola vía dos feitos". A iso engadiu que, se non, os populares aplican "o método Baltar: Se non es do PP, fódete, fódete'", apelando ao cántico pronunciado no seu día por José Luís Baltar acompañado dunha charanga. Tras mencionar a frase do antigo líder do PP ourensán, Candia, que presidía nese momento o pleno, pediu ao deputado do Bloque que o retirase ao entender que esas palabras ían "contra o decoro da Cámara". "Son palabras textuais do señor Baltar, non son palabras miñas", replicou Insua, polo que Elena Candia procedeu a retiralo ela mesma e fíxolle unha chamada á orde.

"QUEREN CAMBIAR A HISTORIA"

A continuación, a deputada do PSdeG Lara Méndez tamén comezou a súa segunda intervención coa mesma expresión e reprochou: "Non é que queiran retiralo do diario de sesións, é que queren cambiar a historia. Queren quitar do diario de sesións que lle chamemos ditador a Franco, iso pretenden facer pola porta de atrás, por tanto non o penso retirar porque empecei dicindo 'isto é o que dixo o señor Baltar'". Ao concluír a intervención, Candia, esgrimindo "o mesmo trato" que ao deputado do BNG, retirou esa expresión do diario de sesións e comunicoulle a Méndez que tamén contaba cunha chamada á orde.

"NON SE PODE CITAR A BALTAR"

Así mesmo, na seguinte iniciativa que se debateu no Pleno, o parlamentario do BNG Iago Suárez lamentou que "non se pode citar ao señor Baltar", algo que relacionou con que os populares están "nerviosos". "Este non é o patio particular do PP", apuntou antes de pedir "calma" á bancada popular e instalos a "tomar unha tila na cafetaría ou un trankimazín". Tras isto, Candia pediu "respecto ás persoas que poden tomar esa medicación". Acto seguido, Suárez trasladou que "non se pode vir ao Parlamento con mandíbula de cristal". "Os debates poden ser duros, pero escoiten, que queda moito por escoitar", aseverou. Por outra banda, Nicole Grueira (PPdeG) pediu a Iago Suárez un "mínimo respecto e educación", xa que considera que "faltou ao respecto aos galegos que por desgraza teñen que tomar algún tipo de medicación por problemas de saúde". Tamén lle reprochou que "cuestiona á presidencia do Parlamento" e, na súa opinión, demostrou "o que é o BNG: o partido do non".

Pleno do Parlamento de Galicia
Pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta