Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2025 | Actualizada ás 18:59
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou este martes que a manifestación do pasado domingo convocada en Santiago pola Plataforma SOS Sanidade Pública, á que acudiron varios miles de persoas, sustentábase "nunha realidade manipulada". Aseverouno no pleno do Parlamento galego ao responder a unha interpelación sobre listas de espera por parte da deputada do PSdeG Elena Espinosa, dous días despois da multitudinaria protesta na capital galega.
A socialista reclamou ao conselleiro que avanzase medidas que dese "esperanzas ás 358.000 persoas que se atopan nas listas de espera oficial", as cales "non son reais" ao non incluír as non estruturais. "As listas de espera están tinguidas de negro e só resplandecen grazas aos profesionais", recalcou Espinosa. Fronte a estas acusacións, Antonio Gómez Caamaño asegurou que as cifras publicadas polo seu departamento son "reais" e "contrastables", e sitúan a Galicia como terceira comunidade con menor demora cirúrxica (67 días, dous meses por baixo da media).
Ademais, os tempos de demora en "todas as áreas sanitarias" son menores "que en calquera comunidade autónoma socialista" (Asturias, Castela-A Mancha, Navarra ou Cataluña). Neste contexto, o titular de Sanidade tamén aproveitou para destacar o aumento da actividade asistencial en 2024, ano no que se realizaron "por primeira vez" máis de 200.000 cirurxías, concretamente 204.829, "case 7.000 máis" que en 2019, antes da covid. Así mesmo, subiron un 4 por cento as probas diagnósticas realizadas no Sergas, ata os 3,7 millóns.
"NECESIDADE DE PROTAGONISMO"
"Os datos falan por si sós", insistiu o conselleiro de Sanidade, quen lembrou que no último pleno --hai dúas semanas-- xa tivo que responder a unha interpelación do BNG sobre as mesmas listas de espera. Por tanto, Gómez Caamaño preguntou á deputada do PSdeG se trouxo este asunto ao Parlamento por "desidia auditiva", por "oportunismo" ou por "necesidade de protagonismo". "O protagonismo búscao vostede. Outras temos satisfeitas as nosas aspiracións políticas", respondía posteriormente a que foi ministra de Zapatero, para deslizar que é o conselleiro quen quere despegar na súa carreira política.
Na súa última intervención, Gómez Caamaño replicou que "a estas alturas" da súa vida, tras décadas de traballo como oncólogo no Sergas, non ten "ningún interese" en crecer na súa traxectoria política. O debate tamén elevou o ton ao asegurar Espinosa que o aumento das vías rápidas para o diagnóstico de cancro "pon de manifesto que o sistema non funciona ben". O conselleiro afeoulle estas palabras: "Dá a talla do que é para vostede a xestión clínica. Isto é incrible".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.