Festa da Ostra de Arcade: 35 mil persoas asistentes e máis de 55 mil ostras vendidas

Éxito rotundo de organización e participación na XXXVII edición desta celebración gastronómica que tivo lugar a pasada fin de semana. Ademais, deixou moi satisfeitos aos empresarios e ostricultores locais que trasladaron a súa felicitación ao Alcalde.

Por Galicia Confidencial | Soutomaior | 09/04/2025 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O Concello de Soutomaior vén de dar un paso adiante na organización do seu evento máis senlleiro, A Festa da Ostra de Arcade. A edición deste ano contou cunha carpa poligonal de 12 metros de altura onde a ubicación dos stands da carpa estaban nun lateral deixando o privilexiado fondo da ría de Vigo con vistas das que se podían gozar mentres a xente degustaba as ostras e os albariños. Unha aposta atinada pois foi acerto para combater a choiva.

Apertura de Ostras. Festa da Ostra de Arcade. Foto: Prensa Concello Soutomaior.
Apertura de Ostras. Festa da Ostra de Arcade. Foto: Prensa Concello Soutomaior.

Malia a climatoloxía, que non acompañou durante algúns momentos da fin de semana, a Festa da Ostra bateu récords de asistencia tanto na noite do sábado como no día grande, o domingo ao mediodía. Unha fin de semana onde se superaron máis de 35 mil asistentes e 55 mil ostras vendidas. E ao anterior hai que lembrar detalles importantes como o plan inclusivo para que todas as persoas, fose cal fose a súa condición e diversidade funcional concreta, puidesen gozar das atraccións e actividades programadas. Todo un exemplo para outras festas e celebracións semellantes. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “foi unha festa que se realizou co máis grandes dos agarimos para poder ofertar á veciñanza a mellor Festa da Ostra”. O éxito de visitas e de participación tamén salta á vista pois esgotáronse as copas de albariño e as ostras ao natural. En palabras da organización, "na 37 edición da Festa da Ostra batéronse todos os récords".

Manu Lourenzo, satisfeito por como foi todo quixo tamén agradecer “o traballo inxente de todas as persoas que formaron parte da XXXVII Festa da Ostra, adegueiros, ostricultores, empresarios funcionarios, empresas de montaxe... porque sen eles non sería posible acadar este resultado, é unha sorte formar parte dun equipo no que se traballa cos máis altos niveis de esixencia para mellorar a vida da veciñanza”.

O pregoeiro, Celso Sanmartín, co Alcalde e parte do equipo de goberno. Foto: Prensa Concello de Soutomaior.
O pregoeiro, Celso Sanmartín, co Alcalde e parte do equipo de goberno. Foto: Prensa Concello de Soutomaior.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta